Skip to main content

Noventa empresas e institucións relacionadas coa sanidade participarán na Exposición Xeral do Salón Internacional da Saúde

Unhas noventa empresas -que representan máis de 250 liñas de negocio- e institucións relacionadas co eido da sanidade, participarán o mes que vén en Galicia no II Salón Internacional da Saúde, entre os días 13 e 15 de abril. Será na exposición xeral que se celebrará de forma paralela ás Xornadas Científicas do SIS.

Este ano, a mostra trasládase ao Pazo de Congresos e Exposicións de Santiago de Compostela (na primeira edición celebrouse no Recinto da Feira Internacional de Galicia, en Silleda), xuntando as dúas liñas de traballo do SIS na mesma sede, tratando de facilitar desta forma a comodidade dos especialistas participantes, así como a dos visitantes que se acheguen ao Salón.

DIFERENTES SECTORES DO ÁMBITO SANITARIO

Nesta exposición xeral participarán as empresas máis relevantes do ámbito sanitario, presentando as últimas innovacións e avances en saúde. Estarán representados todos os protagonistas deste eido, tanto en aspectos orientados á prevención, como ao diagnóstico, tratamento e rehabilitación.

Na mostra haberá presenza de compañías relacionadas con sectores como a industria farmacéutica; tecnoloxías médicas, da comunicación e información, e arquitectónicas; formación de profesionais; material de laboratorio, rescate e emerxencias; mobiliario médico; instrumental para clínicas e hospitais; envasado e embalaxe; fisioterapia e tecnoloxía ortopédica; a xestión de infraestruturas e servizos; os téxtiles; servizos e publicacións; o transporte sanitario e as asociacións profesionais.

A exposición completaráa unha área especialmente dedicada aos centros hospitalarios do Servizo Galego de Saúde (SERGAS), e aos servizos en materia de Sanidade doutras Comunidades Autónomas Españolas, así como do Ministerio de Sanidade e Consumo.

PAVILLÓN EXTERNO DE 3.000 METROS CADRADOS

A exposición xeral ocupará un total de 5.000 metros cadrados, con tres grandes zonas para as empresas. Este espazo distribuirase entre o interior do propio Pazo de Congresos e Exposicións da capital galega e un pavillón anexo de 3.000 metros cadrados, que se construirá na explanada próxima ao edificio para a celebración do II Salón Internacional da Saúde. No Pazo de Congresos situaranse a industria farmacéutica-tecnolóxica e a de equipamento diagnóstico, e no pavillón exterior haberá lugar para as institucións e outras empresas do sector sanitario.

O pavillón externo terá unha carpa de aluminio anonizado e cuberta a dúas augas con cerramentos de lonas P.V.C ignífugas, e contará con dobres teitos de lona, para evitar a posible condensación e cubrir a parte inferior da estrutura. As fachadas terán revestimento perimetral de mecanotubo e pontes de acceso realizados en madeira. Disporá de aire acondicionado e do mobiliario necesario en cada un dos stands que ocuparán as compañías, e que se construirán a base de aluminio lacado.

Este pavillón estará conectado co edificio do Pazo de Congresos santiagués, para facilitar o tránsito de participantes, asistentes e visitantes. Será a través dunha galería con estrutura de aluminio lacado e cuberta a dúas augas con cerramentos de lonas P.V.C ignífugas.

Na estrutura anexa ao Pazo de Congresos e Exposicións, á entrada ao recinto, situarase a oficina de información, para orientar a todas aquelas persoas que durante tres días se acheguen ao II Salón Internacional da Saúde, organizado pola Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia.

Gabinete de Comunicación do SIS (Xunta de Galicia)