Skip to main content

Intégrase a candidatura Illas Cíes-Parque Nacional Illas Atlánticas de Galicia na lista indicativa española

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, explicaron que o Consejo de Patrimonio Histórico Español que se está a celebrar na Rioja aprobou a inclusión da candidatura Illas Cíes-Parque Nacional Illas Atlánticas na Lista indicativa, á vista dos informes e ditames. A proposta, que fora tramitada a través da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, foi aprobada por unanimidade para a incorporación da devandita candidatura na categoría de ben natural.

O seguinte paso no proceso é que o Ministerio de Educación, Cultura, e Deporte lle comunique ao Centro do Patrimonio Mundial da UNESCO que a proposta de Illas Cíes-Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia está aprobada para que a inclúa na Lista indicativa global e permanecer na lista un ano –requirimento da propia UNESCO–, antes de poder seguir co procedemento.

Neste sentido, Alfonso Rueda, explicou que este novo paso é o resultado dun traballo serio, eficaz e continuo no tempo. Ademais, considerou que a unidade e o esforzo conxunto constituíron unha das chaves fundamentais para acadar este logro, polo que apelou a que o resto de institucións, organizacións e asociacións se sumaran a esta candidatura.

Así, o Goberno galego, á canda dos concellos de Bueu, Ribeira e Vilagarcía de Arousa, continúa acadando pasos positivos para lograr a desexada inclusión das Cíes e o resto dos arquipélagos que conforman o Parque Nacional das Illas Atlánticas. Neste sentido o conselleiro de Cultura invitou a deixar de lado a confrontación porque “non ten ningún sentido fragmentar a unidade”.

Román Rodríguez afirmou que se trata “dunha moi boa nova para Galicia no seu conxunto e tamén para os concellos que forman parte da candidatura: Vigo, Bueu, Ribeira e Vilagarcía de Arousa, así como para as Illas Cíes e o conxunto do Parque Nacional Illas Atlánticas”. Lembrando que, de concretarse a declaración, desfrutarán dos efectos positivos en termos sociais, económicos e de xeración de emprego, que adoitan vir aparellados á declaración de Patrimonio Universal. En palabras do conselleiro, entramos nunha nova fase “pola que queda patente que este camiño non ten retorno. A candidatura está situada nun carril gañador”.


Finalmente, o conselleiro de Cultura avogou por resolver calquera malentendido e avanzar conxuntamente, lembrando que “Galicia non se entende sen Vigo nin Vigo se entende sen Galicia”.

Proceso técnico

Logo de que o pasado mes de maio se remitira por parte do Executivo galego ao Ministerio de Cultura a documentación preceptiva, seguindo os modelos normalizados pola UNESCO para xustificar o valor universal excepcional da candidatura Illas Cíes-Parque Nacional Illas Atlánticas de Galicia, o grupo de traballo, conformado por técnicos das CC.AA., ICOMOS e o Ministerio, emitiu xa o pasado setembro, e por por unanimidade, un ditame favorable. En base a ese ditame o Consejo de Patrimoniio Histórico Español vén de determinar hoxe a inclusión na Lista indicativa da proposta galega, que se ten amosado en todos os pasos dados até o momento como “sólida e rigorosa”, en palabras de Román Rodríguez.

Candidatura integradora e de consenso

Cómpre salientar que a Xunta de Galicia quere buscar un acordo dialogado arredor dunha candidatura integradora e de consenso, que recoñecendo o valor singular das Cíes, propón o conxunto do Parque Nacional como un todo. Precisamente, unha das grandes fortalezas desta candidatura son os traballos feitos e a existencia dunha unidade de xestión que xa actúa na salvagarda dos valores deste ben natural.

Neste sentido, fixéronse as xestións precisas no Ministerio para modificar o nome e reformular a candidatura, inicialmente elaborada pola Consellería de Medio Ambiente, introducíndose as achegas feitas desde os concellos con titularidade administrativa sobre os arquipélagos incluídos no Parque das Illas Atlánticas.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia