Skip to main content

O Programa de Educación Ambiental da Xunta desenvolveu en 2004 actividades nas que participaron preto de 30.000 persoas

A Consellería de Medio Ambiente organizou en 2004 un total de 764 actividades de formación e divulgación medioambiental nas que participaron 27.313 persoas. As iniciativas, enmarcadas no Programa de educación ambiental promovido por este departamento, chegaron a 228 concellos de toda Galicia co principal obxectivo de promover a cultura ambiental e facer unha chamada ao debate e á reflexión sobre a conservación do contorno natural.

Este programa rexistrou un incremento no número de actividades organizadas e participantes con respecto ao ano 2003, cando se desenvolveron 680 iniciativas que contaron con 26.705 asistentes. Tamén o número de concellos beneficiados por este proxecto rexistrou un ascenso, xa que en 2003 un total de 178 concellos acolleron estas iniciativas, fronte aos 228 municipios de 2004.

O Programa de educación ambiental está dirixido a concellos, centros de ensino, asociacións, colectivos sociais e organizacións sen ánimo de lucro e dispón de diversas actividades relacionadas co medio ambiente. As conferencias, os obradoiros e os xogos centraron a meirande parte das actividades, ás que tamén se sumaron as exposicións e Ciberaula, unha mostra itinerante e interactiva dirixida aos máis pequenos.

APRENDER AS BOAS PRÁCTICAS

Os técnicos da Consellería de Medio Ambiente encárganse de impartir as conferencias e obradoiros que se desenvolven ao abeiro deste programa de educación ambiental. Durante o pasado ano traballouse para informar sobre os espazos naturais protexidos en Galicia, o mundo dos cogumelos, as plantas mediciñais e as boas prácticas medioambientais no fogar, entre outras cuestións. A través destes encontros preténdese concienciar a poboación da importancia de colaborar na protección do contorno natural. Tamén o cambio climático, o uso sostible da auga, os animais domésticos e a Axenda 21 Local centraron boa parte dos relatorios.

No tocante aos obradoiros, cómpre salientar aqueles relacionados coa reutilización e reciclaxe dos refugallos, co uso e aproveitamento das plantas, do cultivo dos cogumelos, co consumo da auga e co mundo das rochas e minerais. Deste xeito, os participantes aprenden de maneira activa diversos aspectos relacionados co medio natural. Os xogos e xoguetes populares e ambientais, a orientación e supervivencia no medio natural son algúns dos outros entretementos que contaron con maior participación durante o ano 2004.

Preto do 90 por cento das persoas que participaron neste programa de educación ambiental declararon que as actividades son interesantes e valoraron e adaptación da actividade ao público.

PROVINCIAS

Pontevedra foi a provincia na que se organizou o maior número de actividades durante o pasado ano, cun total de 408 obradoiros, xogos, exposicións e relatorios realizados en 54 concellos. Nestas actividades participaron 14.558 persoas. A provincia da Coruña acolleu 172 iniciativas en 67 municipios, dos que disfrutaron 5.991 persoas, e en Lugo realizaronse 93 actividades noutros 54 concellos. Nesta provincia rexistrouse a participación de 3.213 persoas.

A provincia de Ourense acolleu en 2004 un total de 91 iniciativas de divulgación ambiental en 53 municipios. Segundo os datos que manexa Medio Ambiente, as actividades contaron con 3.551 participantes.

CIBERAULA

Entre as actividades que organiza o departamento que dirixe Xosé Manuel Barreiro Fernández hai que salientar a Ciberaula, unha interesante iniciativa na que se combina unha rede informática cunha mostra de paneis a través dos cales se ofrecen programas educativos relacionados co medio ambiente. Os participantes poden realizar unha visita virtual por distintos hábitats naturais e urbanos. A actividade diríxese fundamentalmente aos escolares, aínda que se trata dun programa educativo con diferentes niveis en función do colectivo asistente.

Durante o 2004 a Ciberaula visitou un total de 18 concellos e recibiu máis de 4.400 visitantes. Ademais, cómpre salientar a súa presenza en eventos destacados, como a Expo Ourense, a Feira Forestal da Gudiña e a Feira da Castaña e o Cogumelo de Riós.

EDUCACIÓN AMBIENTAL

O Programa de educación ambiental naceu en 1999 co obxectivo de facilitarlles ós galegos información, educación e formación sobre medio ambiente. Neste sentido, as actividades divulgativas teñen especial relevancia xa que inclúen accións directas a prol do coñecemento e a reflexión sobre os principais problemas medioambientais e boas prácticas para corrixilos. Desde a súa creación, preto de 170.000 galegos participaron na iniciativa, que supuxo a organización de máis de 3.300 actividades.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia