Skip to main content

Manuel Fraga presentará o Nomenclátor de Galicia no marco dunha xornada sobre a toponimia na comunidade galega

O Hostal dos Reis Católicos, en Santiago de Compostela, acollerá o vindeiro 20 de abril unha Xornada técnica sobre a toponimia en Galicia. No decurso da mesma, o titular do Goberno autonómico presentará o Nomenclátor de Galicia, un volume que recolle os topónimos oficiais das provincias, concellos, parroquias e lugares de toda a Comunidade galega.

A xornada, organizada pola Administración autonómica, enmárcase no Proxecto Toponimia de Galicia, co que o Goberno galego persegue a recuperación, catalogación e depuración da microtoponimia. Deste xeito, contribúese a salvar ese patrimonio inmaterial e ofréceselle aos responsables da cartografía unha toponimia acomodada ás formas históricas e propias do galego.

A xornada contribuirá así recuperar e conservar o patrimonio microtoponímico existente na Comunidade galega e en perigo de extinción por mor dos cambios nos modos de vida e de asentamento da poboación. Este patrimonio constitúe unha ferramenta de traballo para moitos dos organismos que se ocupan da cartografía e desenvolvemento do territorio.

A iniciativa reunirá en Santiago de Compostela a todas aquelas persoas que, desde vertentes diversas, teñen na toponimia unha base dos seus traballos, ao tempo que se deseñan estratexias para a conservación do patrimonio toponímico e se facilita o traballo dos cartógrafos.

PROGRAMA

A Xornada técnica sobre a toponimia en Galicia será inaugurada o conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública –un dos departamentos directamente implicados na organización desta iniciativa- e continuará co relatorio de Antón Santamarina, da Comisión de Toponomia da Xunta de Galicia, que versará sobre A toponomia galega. Un patrimonio ameazado.

A xornada continuará cunha mesa redonda sobre A toponimia na cartografía e nos traballos sobre a poboación e o territorio, na que participarán Fernando García Pazos, coordinador do Proxecto Toponimia de Galicia; Antonio Sampayo, do Instituto Xeográfico Nacional; Rogelio Canedo Lamela, xefe da sección de Cartografía e Sistema de Información Xeográfica do Concello de Santiago de Compostela; José Manuel Colmenero, delegado Provincial do INE e da Oficina do Censo Electoral en Lugo; e Gonzalo Navaza Blanco, da Comisión de Toponimia.

A xornada de mañá pechará coa presentación, por parte do máximo mandatario galego, do Nomenclátor de Galicia. Durante este acto, tamén se exporán as liñas xerais do Proxecto Toponimia de Galicia. Esta exposición correrá a cargo do secretario da Comisión de Toponimia, Xermán García Cancela.

Pola tarde terá lugar unha sesión de traballo sobre as experiencias do Proxecto Toponimia de Galicia, na que se exporán as iniciativas culturais e educativas en relación coa toponimia.

Os interesados en participar nesta xornada terán de prazo ata o 15 de abril para formalizar a súa inscrición e dispoñen de toda a información sobre esta iniciativa na páxina web http://www.xunta.es/nomenclátor.

Ademais da Consellería da Presidencia, tamén colaboraron na organización desta iniciativa as de Educación e Ordenación Universitaria e de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, así como a Sociedade para o Desenvolvemento Comarcal de Galicia.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia