Skip to main content

Cultura salienta o espazo destacado que terá o sector do libro na próxima Estratexia da cultura galega 2021

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, celebrou o Día das Librarías achegándose a un establecemento compostelán para facerse con algunha adquisición nova que engadir á súa biblioteca persoal, para o que suxeriu confiar na capacidade de recomendación do libreiro. Neste contexto, o titular do departamento de Cultura da Xunta de Galicia destacou o papel das propias librarías a prol da dinamización cultural, como espazos de encontro e de xestión cultural; e a figura dos libreiros e das libreiras, como mediadores entre os lectores e os libros, así como o labor básico das librarías no fomento da lectura.

Román Rodríguez quixo salientar, ademais, o destacado espazo que vai ter o sector do libro na futura Estratexia da Cultura de Galicia 2021, un documento que será a folla de ruta da planificación da acción cultural da comunidade autónoma para os vindeiros catro anos e na que se fixarán obxectivos, liñas estratéxicas e medidas concretas co obxectivo de fortalecer a nosa industria cultural como piar na creación de riqueza e emprego. A través desta estratexia vanse reformular e reorientar as xa por si moi activas políticas que a Xunta está a desenvolver nestes últimos anos para dar pulo ao sector do libro, tales como a revitalización das feiras do libro ou o apoio á presenza de autores galegos nas feiras internacionais, entre outras accións. A Consellería traballa xa para que esa Estratexia sexa unha realidade canto antes e nela o sector do libro galego vai ter un papel destacado polo valor que ten como emblema da nosa cultura, da nosa lingua e da nosa forma de entender o mundo.

Difusión do Pergamiño Vindel a través das librarías
Pola súa banda, o secretario xeral de Cultura participou da celebración do Día das Librarías presentando en Vigo dúas novas iniciativas de difusión da presenza do Pergamiño Vindel en Galicia, en colaboración coa Federación de Librarías de Galicia.

Trátase, dunha banda, do proxecto Un vermú por Vindel, que “converterá varias librarías da ría de Vigo en punto de encontro entre libreiros, escritores ou expertos en literatura e público en xeral. Unha cita distendida para que os amantes dos libros coñezan a relevancia deste manuscrito no desenvolvemento da nosa lingua e da nosa cultura”, como explicou Anxo Lorenzo. A actividade inclúe un total de seis sesións que se desenvolverán na cidade de Vigo e en Bueu a partir do 18 de novembro e ata o mes de xaneiro.

Doutra banda, a partir da vindeira semana a consellería de Cultura e Educación vai distribuír en todas as librerías adheridas á Federación unha serie de materiais divulgativos (carteis, marcapáxinas e postais) “para que o Pergamiño Vindel chegue a cada recuncho de Galicia”.

O secretario xeral de Cultura lembrou que estas actividades se enmarcan dentro dunha programación máis ampla, na que destacan as travesías marítimas Ondas do mar de Vigo, o concurso escolar de vídeo-cantigas Vindevídeos ou varios obradoiros de temática medieval. Lorenzo agradeceu a colaboración da Federación de Librarías de Galicia e a todos os libreiros e libreiras “pola súa contribución fundamental ao desenvolvemento da nosa cultura”.

A presentación das dúas iniciativas tivo lugar esta mañá na Libraría Librouro e contou coa participación do propietario do establecemento e presidente da Agrupación de Libreiros de Vigo, Xurxo Patiño; do secretario da Federación de Librarías, José Manuel García; e mais de José Manuel García, representante de Elemental Chefs, entidade que coordina Un vermú por Vindel.

Programación de actividades arredor das cantigas

Na páxina web de Cultura, en https://www.cultura.gal/gl/programacion-actividades, pode consultarse toda a programación de actividades que a Consellería de Cultura e Educación está a desenvolver arredor da exposición Pergamiño Vindel. Un tesouro en sete cantigas. A mostra, que xa recibiu preto de 10.000 visitantes, exhíbese no Museo do Mar de Galicia, en Vigo, ata o vindeiro mes de marzo de 2018.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia