Skip to main content

Innovación destina 750.000 euros á modernización dos comercios rurais

A Consellería de Innovación, Industria e Comercio destinará este ano un total de 750.000 euros a financiar proxectos de renovación e modernización dos establecementos comerciais que estean ubicados en zonas rurais de Galicia.

Trátase dunha novidosa de axudas dirixida específicamente ós comerciantes do eido rural e que o departamento que dirixe Juan Rodríguez Yuste ven de crear coa finalidade de dotar de mellores servizos comerciais a estas zonas.

Esta actuación, -que se enmarca dentro do Plan de Mellora da Competitividade para o Comercio Galego 2005-2008-, deseñouse tendo en conta a situación actual do comercio nas zonas rurais, que se caracteriza por unha redución paulatina da oferta que, na meirande parte dos casos, leva aparellada unha importante diminución de población ou envellecemento da mesma. Estas circunstancias provocan a perda de competitividade e, ó mesmo tempo, de rendibilidade económica dos comercios minoristas.

Ante esta situación, a Consellería de Innovación considerou necesaria a posta en marcha de mecanismos para lograr a integración das poboacións rurais mediante incentivos á modernización e á implantación de comercios nestas zonas de Galicia.

Deste xeito, os comerciantes do rural poderán acollerse a subvencións para acometer reformas, ampliacións e adaptacións dos locais onde desenvolvan a súa actividade.

Tamén se subvencionará a adquisición de mobiliario, elementos de decoración ou calqueira outro tipo de equipamento para os comercios.

As axudas consistirán nunha subvención a fondo perdido de ata o 40% do investimento realizado. Non obstante, -segundo establece a orde que sairá publicada no Diario Oficial de Galicia o vindeiro martes, día 29-, esíxese unha contía mínima de investimento cifrada en 1.500 euros e unha contía máxima subvencionable de 30.000 euros.

A esta liña de axudas, que permanecerá aberta ata o vindeiro 16 de maio, poderán acollerse todos aqueles comerciantes que desenvolvan a súa actividade en concellos de menos de 5.000 habitantes ou en núcleos que non superen os 1.500 habitantes situados en municipios de máis de 5.000 e que certifiquen o seu carácter rural.

Ademáis, os solicitantes das axudas non poderán ter máis de 10 empregados ó seu cargo e os locais non poderán superar os 300 m2 de superficie comercial destinada á exposición e venda ó público.

Cabe salientar tamén que quedarán excluídas das subvencións, entre outros, a compra de locais en xeral, as obras en almacéns que non se destinen á venda, a maquinaria e equipos para fabricación de produtos de consumo final, os fondos de comercio e dereitos de traspaso, os bens usados, a compra de mercancías obxeto de comercialización, os portes e as tasas administrativas, permisos e licencias necesarias para desenvolver a actividade comercial.

En canto ós criterios de selección dos proxectos obxecto de axudas, primará en primeiro lugar a ubicación do comercio en concellos de menor número de habitantes, seguido de locais destinados á venda de produtos artesáns ou típicos das áreas onde se ubiquen, as vantaxes que terán sobre os consumidores, a incidencia do proxecto no incremento da competitividade, a eficiencia e a atracción comercial do establecemento e a creación de emprego que poida xerar o investimento proxectado.


Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia