Skip to main content

O organista francés Bruno Forst pecha en Santiago o IV Ciclo de Música Antiga

Un concerto de órgano a cargo do francés Bruno Forst pechou en Santiago de Compostela o IV Ciclo de Música Antiga organizado pola Xunta de Confrarías de Semana Santa co patrocinio da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo a través do Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais (IGAEM).
O recital, no que tamén participou un coro de voces femininas integrado por Laura Alcalde, Julia Davies e Marta Magro, celebrouse na Igrexa de San Miguel dos Agros a partir das 20.30 horas. Será a última cita da edición deste ano do ciclo que se vén desenvolvendo desde o pasado 12 de marzo en distintos templos da cidade coa participación de artistas como Concepción Rodríguez Fariña, Tin Novio, Mercedes Hernández, Fernando Reyes, Resonet, María Giménez, Joaquín Barreira, Juan Carlos de Mulder, Sonia Rivas ou Belén Yuste.

MÚSICA EUCARÍSTICA

Desde o órgano de San Miguel dos Agros soará unha selección de fragmentos de música eucarística baixo a execución como solista de Forst, instrumentista de orixe francés que reside na actualidade en España, xa que é desde 1996 organista titular da Igrexa de San Andrés en Valladolid.

Ensina, ademais, órgano na Asociación Correa de Arauxo de Segovia, é clavecinista correpetidor no curso de música antiga de Santiago de Compostela e dirixe o conxunto Rosa Antigua, dedicado á interpretación do repertorio barroco.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia