Skip to main content

A Consellería de Cultura promoverá este ano máis de mil funcións teatrais

A Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo promoverá este ano máis de mil representacións teatrais a través de distintos programas de difusión escénica que se desenvolverán en toda a Comunidade galega. O apoio á exhibición, produción e distribución de espectáculos profesionais, así como iniciativas de fomento dos eidos editorial, de escrita dramática e de formación centran a política en materia teatral deste departamento, levadas a cabo a través do IGAEM (Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais) e da propia Dirección Xeral de Promoción Cultural.

Desde este organismo investiranse en 2005 máis de 3.500.000 euros na proxección do teatro galego, contía que equivale ó 70 por cento do orzamento dispoñible para a promoción e programación de actividades escénicas e musicais (5.000.000 de euros).

Serán uns 70.000 espectadores os que se estiman poderán presenciar as representacións auspiciadas pola Xunta de Galicia, tanto por medio da Rede Galega de Teatros Auditorios como doutras iniciativas como os Circuitos culturais, a Feira do Teatro de Galicia, a Mostra de Teatro Infantil de Nadal, a programación do Salón Teatro ou a colaboración con diversas mostras de teatro alternativo, afeccionado, universitario e de títeres, ademais da distribución dentro e fóra de Galicia das vindeiras producións do Centro Dramático Galego, das que se prevén máis de 90 escenificacións.

INCREMENTO DO 190% NA REDE DE TEATROS

A Rede Galega de Teatros e Auditorios auspiciada pola Consellería de Cultura foi o programa que experimentou un maior crecemento nos últimos anos, ata situarse como o circuito de maior volume de contratación, máis estable e profesionalizado de cantos existen en Galicia.

Así, a súa continua progresión ascendente nos últimos anos mídese tanto se atendemos a número de funcións (511 en 2004 fronte ás 176 de 1997), como de concellos e entidades integrantes (44 en 2005 fronte a 7 en 1997), o que equivale en termos porcentuais a un incremento do 190 por cento canto a actividade e de máis do 500 por cento no que se refire a espazos participantes.

780.000 EUROS EN AXUDAS

Tamén as axudas anuais destinadas directamente ás salas de exhibición e ás compañías privadas, os cursos de formación que se organizan coa Universidade de Santiago, os premios Álvaro Cunqueiro e Barriga Verde para textos teatrais ou os traballos de catalogación e inventariado teatral son outras das actuacións destinadas á promoción da escena galega.

As convocatorias de axudas están dotadas este ano con 780.000 euros, dos que 695.000 (un 4,9 por cento máis respecto ao ano anterior) corresponden á celebración de convenios de producción e distribución de espectáculos; e 85.000 euros (un 12,4 por cento máis que en 2004) irá para o mantemento da actividade e programación das salas de exhibición escénica.

NOVIDADES EDITORIAIS

Outro aspecto importante no interese pola promoción teatral constitúeo o continuo labor de edición ou coedición, que dá como resultado 25 novos títulos anuais. Coa participación do IGAEM realízanse un total de 5 coleccións de textos ou estudos dramáticos (Os libros do Centro Dramático Galego, Libros do Espectáculo, Biblioteca-Arquivo Teatral Francisco Pillado Mayor, Colección Máscaras e Biblioteca de Teatro).

Neste sentido, ademais da aparición das seguintes entregas das devanditas coleccións, porase en marcha unha nova serie dedicada a obras de teatro infantil e publicarase unha guía de recursos en artes escénicas, así como os catálogos de dramaturgos galegos e da cartelería do teatro galego.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia