Skip to main content

Culturgal, a feira que acolle Pontevedra ata o 3 de decembro, concíbese para construír país

Neste sentido o titular do departamento de Cultura da Xunta de Galicia explicou que a organización deste encontro é un exemplo de colaboración institucional ao servizo dos cidadáns e dirixido a proxectar o músculo da cultura galega. Así mesmo, destacou que Galicia está ás portas dun acontecemento, o Xacobeo 2021, que vai ser determinante “na imaxe que amosemos de nós mesmos ao mundo”. “De feito –indicou-, estamos xa a preparar a Estratexia da Cultura Galega 2021, que vai definir como avanzar cara aos retos que presentan as industrias no futuro máis inmediato”.

Vencellos coa lusofonía

Román Rodríguez incidiu tamén na importancia da presenza de Portugal como país convidado como unha oportunidade para reforzar os vínculos coa lusofonía, unha relación que se fortalece a través de diferentes iniciativas da Consellería e á que o Goberno galego deu a máxima consideración a través da Lei 1/2014, do 24 de marzo, para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía.

O conselleiro quixo salientar, ademais, o apoio da Xunta de Galicia aos sectores culturais, que no caso desta feira se exemplifica no feito de que a Consellería é a súa patrocinadora principal. Asemade, amosou o seu convencemento de que os axentes culturais galegos están preparados para asumir os desafíos inmediatos dos sectores, aos que haberá que facer fronte “cos pés na terra e coa mirada posta no futuro, sen perder de vista a tradición que nos distingue como pobo pero prestando a máxima atención ás vangardas que determinan a identidade de cada época histórica”.

Na inauguración do Culturgal participaron tamén o deputado da Deputación de Pontevedra, Xosé Leal; a concelleira de Cultura de Pontevedra, Carmen Fouces; o vice-cônsul de Portugal, Manuel Correia da Silva; e o presidente de Culturgal, Manuel Bragado; entre outras autoridades.

Espazos propios

A Xunta de Galicia conta nesta décima edición do Culturgal con dous espazos propios, nomeadamente un stand da Xunta e un expositor do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) no novo Espazo Arte Contemporánea de Culturgal. Ademais do CGAC, as secretarías xerais de Cultura e de Política Lingüística, a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e a Fundación Cidade da Cultura contribuirán a unha programación que reflectirá o importante papel do Goberno autonómico como promotor da cultura galega.

En concreto, a Xunta desenvolverá unha vintena de actividades dirixidas tanto aos profesionais como ao público en xeral, con especial atención ao infantil, cun obradoiro de arquitectura –que se desenvolverá no expositor do CGAC- ou a presentación dos programas pedagóxicos do Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI-Filmoteca de Galicia), entre outras actividades.

O Vindel, obradoiros e cinema

A estadía en Galicia do Pergamiño Vindel, único testemuño conservado das cantigas de amigo galego-portuguesas coa súa notación musical, terá tamén un destacado protagonismo tanto na proposta de actividades, como no expositor xeral da Consellería, onde –entre outros programas– se informará da exposición Pergamiño Vindel. Un tesouro en sete cantigas, que pode visitarse ata o 4 de marzo no Museo do Mar de Vigo. Dela darase conta igualmente no relatorio que terá lugar no Espazo Foro de Culturgal o sábado, ás 18,00 h, para afondar na singularidade do manuscrito coas cantigas de Martín Códax nas súas dimensións literaria e musical da man dos profesores Pilar Lorenzo e Carlos Villanueva.

Arredor desta xoia da literatura medieval galego-portuguesa xirará, ademais, o taller Scriptorium. O mestre dos códices, que se desenvolverá o domingo, ás 17,00 h., no Espazo Arte Contemporánea. Mekané Didáctica impartirá este obradoiro a través do que as nenas e nenos descubrirán as técnicas e materiais empregados na Idade Media para a copia de manuscritos.

Os programas Cinemas de Galicia, Conversas Nortear, a 4ª Semana de Convergências Portugal-Galiza, o FalaRedes ou o Pequefilmes serán algunhas das iniciativas da Consellería que conten con presenza propia nesta feira, na que tamén se presentarán o Centro de Emprendemento Creativo Gaiás, o festival Escenas do Cambio 2018, o proxecto Memoria Dixital de Galicia , o proxecto e Uxía-O, o último Caderno Ramón Piñeiro dedicado a Carlos Casares e un estudo metodolóxico sobre a repercusión económica e social dos eventos culturais, realizado por Fran Núñez e que será publicado proximamente pola Agadic.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia