Skip to main content

A Consellería de Cultura inaugura en Tui unha mostra de esculturas de Ramón Conde

As esculturas do artista Ramón Conde agruparanse baixo o título ¿Son eu? na exposición que a Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo inaugura na Área Panorámica de Tui. Ás recoñecidas figuras de enormes dimensións corporais pero gran axilidade que son propias da traxectoria do escultor ourensán, engádenselle nesta mostra novos elementos como unha vídeo-instalación. A mestura das imaxes en movemento e o son coas creación estáticas fan deste percorrido pola dimensión plástica e conceptual da corporalidade unha experiencia contemplativa interactiva.

No texto do catálogo que acompaña a esta exposición, Fátima Otero reflexiona verbo dos significados das obras de Conde, que terían o obxectivo de representar “a soidade do ser humano, un estado xeneralizado na sociedade”. As “pezas rebordantes”, os corpos de enormes musculaturas, “encerran unha turbación interior retida”, malia que “en moitas ocasión a explosión aflora” e as figuras compoñen xestos retorcidos, berran e semellan animadas. Para Otero, a vida nas esculturas de Ramón Conde maniféstase “por medio de ondulacións que perturban mesmo as poses de repouso, torcéndoas en escorzos de filiación manierista, dun refinamento tremendamente intelectual”.

UNIVERSO PROPIO

A selección de pezas que forman parte de ¿Son eu? inclúe algunhas das esculturas máis significativas de Conde, como “Loitador”, “A noite”, “Paternidade”, “Bailarina”, “Sofá” ou “Esferas”, todas asociadas ás súas iconografías máis recorrentes.

Ao longo dos anos, o autor galego construíu un universo escultórico propio e identificable, presente en numerosas vilas e cidades da Comunidade galega a través dos seus monumentos. Entre os máis recoñecidos figuran “Os redeiros” que permanecen no medio da Gran Vía de Vigo, “O gardián”, situado ao pé da Torre de Hércules de A Coruña, ou a efixie de Alonso III que preside o claustro do Palacio de Fonseca, en Santiago de Compostela.

A traxectoria artística e autodidacta de Ramón Conde, antigo estudante de Filosofía, remóntase aos anos 70, de cando datan as súas primeiras exposicións no seu Ourense natal. Dende entón ven expoñendo con continuidade, tamén en mostras colectivas, en galerías de toda España e países europeos como Alemaña.

Asemade, tamén participou en feiras de relevancia como Arco, a Expo 92 e Portoarte. Durante o pasado ano protagonizou unha gran instalación coas súas esculturas dispostas pola fachada do edificio consistorial e a rúa do Paseo de Ourense.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia