Skip to main content

Un total de 2.304 mozos sometéronse ás probas de alcolemia nas carpas do Proxecto Dummie

Un total de 2.304 mozos pasaron polas carpas do proxecto Dummie nas dúas últimas madrugadas, primeiras xornadas da segunda edición do programa, promovido pola Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado a través da Dirección Xeral do Voluntariado. Os dummies visitaron na noite do xoves ao venres as localidades de Ourense, Vigo, Lugo e Vilagarcía, rexistrándose unha participación de 1.577 rapaces. Do venres ao sábado estiveron en Ourense, Vigo, Ferrol e Vilagarcía, cunha afluencia de 727 persoas minimizada polo mal tempo, en especial, nos casos de Vigo e Vilagarcía.

En cada un dos lugares instalouse unha carpa informativa, situada preto dos lugares de ocio. Os participantes, entre as 23 horas e as 4 da madrugada nos denominados “postos de control”, realizaron unha proba de alcolemia e cubriron un test sobre o seu grao de coñecemento en aspectos relacionados co mundo do automóbil.

Na pasada madrugada, en Ourense foron 235 os rapaces que se someteron á proba, cun resultado de 33 positivos; en Vigo, 5, con ningún positivo; en Vilagarcía de Arousa, 36, con 3 que superaron a taxa permitida, e en Ferrol, 451, con 46 por enriba do límite. Os resultados da noite anterior deran unha afluencia de 431 mozos en Ourense (165 positivos), 427 en Vigo (52), 281 en Vilagarcía (26) e 438 en Lugo (86).

A vindeira noite, os dummies estarán, de novo, en Ferrol, ademais de en Pontevedra, Lugo e Santiago. En concreto, as carpas serán instaladas na praza de Armas de Ferrol, na praza de Méndez Núñez de Pontevedra, na praza Maior de Lugo e na praza de Cervantes de Santiago. O proxecto reiniciará despois a súa andadura no mes de xuño.

Nas carpas distínguense catro zonas de actividade. A primeira dedícase a respostar un test verdadeiro-falso de cinco preguntas relacionadas co alcol e a conducción, e un pasatempo consistente en buscar cinco diferenzas entre a boa e a mala conducta ao volante. Na segunda área está o control de alcolemia, onde o interesado poderá comprobar o seu nivel de alcol en aire aspirado. No caso de que a taxa sexa 0.0 entregaráselle un boneco antiestrés dummie. A terceira parte ten como obxectivo a realización dunha enquisa, e, por último, ubícase a zona dos agasallos que se entregan aos mozos pola súa participación.

EXPERIENCIA E CIFRAS

A iniciativa da Dirección de Voluntariado estase a completar con charlas formativas duns 45 minutos en centros educativos coas que se trata de concienciar á xuventude galega dos perigos da mestura de alcol e conducción, e da importancia da prevención e a precaución ao volante. Esta actuación tamén inclúe aos sete campus galegos.

O programa Dummie, que leva por lema “Non sexas dummie, controla o que bebes”, púxose en marcha no ano 2004, cun proxecto piloto que se desenvolveu durante catro días de Semana Santa e que continuou durante os meses de verán. Durante a época estival as carpas estiveron en trinta concellos galegos obtendo unha participación de 40.044 persoas. A Xunta pretende nesta edición chegar a 60.000 mozos e mozas e visitar 50 concellos.

En 2004, durante a Semana Santa, realizáronse un total de 3.149 test, dos que 441 deron positivos, o que significou un 14% dos que se someteron á proba. Por sexos, os homes constituiron o 77,7% dos que superaron a taxa permitida e as mulleres, o 22,3%. No verán foron 7.980 os positivos (un 19,93% do total), cun 76% de homes e un 24% de mulleres.

Na madrugada do Xoves Santo ao Venres Santo do pasado ano 2004, na campaña tomaron parte 1.045 mozos e mozas nas localidades de Ferrol, Vigo, Vilagarcía e Ourense, cun total de 159 positivos. Do venres ao sábado desa mesma Semana Santa de 2004 a participación foi de 790 rapaces, en Ourense, Vigo, Rodeiro e Palas de Rei, con 129 resultados por enriba do límite permitido.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado da Xunta de Galicia