Skip to main content

En Marea reclama a actuación inmediata da Xunta e do Estado para preservar o patrimonio do Centro Galego de Bos Aires (Arxentina)

A promotora da iniciativa, a deputada Ánxeles Cuña, destacou o valor patrimonial dos fondos culturais que alberga o centro “con máis de 140 obras pictóricas de Maside, Laxeiro, Seoane, debuxos de Castelao e uns 20 mil libros”. Ademais, lembrou o vínculo do Centro Galego de Bos Aires con Castelao “que morreu alí nun cuarto que aínda se conserva intacto”, polo que En Marea reivindica “que todo este patrimonio na chamada quinta provincia galega debe ser coñecido por todo o pobo galego”.

Ademais da protección dos fondos, En Marea propón na súa iniciativa “negociar con Goberno da República de Arxentina a compravenda daquelas obras indispensables para a transmisión do patrimonio cultural de Galicia as xeracións vindeiras ou no seu caso a súa reprodución”. Tamén considera que o goberno do Estado debería asinar convenios de colaboración coa República da Arxentina para dar a coñecer a obra de persoas galegas ilustres na diáspora, nomeadamente da pictórica, con garantía de restitución e coas medidas de seguridade precisas para cada caso.

A institución, con 110 anos de historia, alberga no seu interior o teatro Castelao, a sala de sesións, a presidencia, a sala Ramón Otero Pedrayo, a pinacoteca e unha biblioteca, para os que se demanda tamén a sua protección e restauración, vía negociación coa empresa Ribera Sáude e a Fundación Favorolo. “En caso de non garantirse a conservación da obra, nomeadamente da pictórica, solicitar do goberno de España aquelas actuacións tendentes á negociación e compra por parte do mesmo en colaboración co goberno de Arxentina.”, reza a iniciativa de En Marea.
Gabinete de Comunicación de En Marea