Skip to main content

A Xunta incrementa máis dun 100% as axudas destinadas ó alugueiro de vivendas para o realoxo de chabolistas

A Consellería de Política Territorial, a través do Instituto galego da Vivenda e Solo (IGVS), destinará 1,5 millóns de euros en 2005 a subvencións ós concellos galegos para a erradicación do chabolismo, segundo establece a orde que ven de asinar o Conselleiro de Política territorial, Obras Públicas e Vivenda, Alberto Núñez Feijóo, e que xa foi remitida ó DOG para a súa publicación. Por medio desta orde ábrese o prazo de presentación de solicitudes de axudas e establécense as porcentaxes máximas das subvencións a conceder para este fin.
Como novidade, este ano increméntanse as porcentaxes das axudas para realoxo de chabolistas en réxime de alugueiro. Ata este ano o IGVS subvencionaba o 60 por cento do importe dos alugueiros, cun límite máximo de 145 euros mensuais por vivenda en concellos de menos de 50.000 habitantes e 210 euros mensuais nos restantes.
A partires da entrada en vigor da nova orde, a porcentaxe de subvención dos alugueiros por parte do IGVS será do 80% en concellos de menos de 50.000 habitantes e do 65% no resto dos concellos. O límite máximo mensual por vivenda incrementase ata 300 euros en tódolos casos.
Cando a opción elixida polo concello sexa a adquisición ou construción de vivendas para realoxo dos chabolistas, a subvención acadará o 80 por cento do custe en concellos de poboación inferior a 50.000 habitantes. No resto de concellos o importe da subvención será do 65 por cento do custe.
O prazo de presentación de solicitudes por parte dos concellos comezará ó día seguinte da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia e rematará o 31 de xullo de 2005.

PRETO DE 90 SOLICITUDES EN 2004
Con cargo á convocatoria de 2004 presentáronse solicitudes para un total de 88 vivendas. Todas as solicitudes presentadas en 2004 están en trámite e pendentes de que os concellos ultimen o envío da documentación necesaria para proceder á elaboración, tramitación e sinatura dos respectivos convenios. Por esta razón a contía das subvencións que figuran no cadro son estimadas. No caso de Poio, e dado que aínda están pendentes trámites municipais do planeamento urbanístico, non se dispón actualmente de documentación suficiente para facer unha estimación das achegas que corresponderán ao IGVS.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda da Xunta de Galicia