Skip to main content

Xustiza destinará 480.000 euros para subvencionar os gastos de funcionamento dos xulgados de paz galegos

A Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local destinará máis de 480.000 euros, durante o ano 2005, a sufragar os gastos de funcionamento dos Xulgados de Paz galegos, ocupados maiormente en labores de rexistro civil e auxilio xudicial. Para tal fin, a Xunta de Galicia aprobou xa os módulos que, en función da poboación de cada concello onde haxa un Xulgado de Paz, se aplicarán para conceder estas axudas.

Os 270 Xulgados de Paz existentes en Galicia dependen para o seu funcionamento dos concellos, que teñen que ocuparse tanto dos gastos de material e mantemento como do persoal dos mesmos. A Xunta de Galicia, co obxectivo de contribuir ao bo funcionamento destes órganos, e en consecuencia da Administración de Xustiza, concede anualmente estas axudas aos concellos con Xulgados de Paz, co obxecto de financiar parte dos medios materiais que estes precisen.

As axudas concedidas, que este ano ascenden a 480.708 euros, repartiranse en función do número de habitantes do municipio que as recibe, establecéndose para tal fin unha serie de tramos. As categorías para o reparto do crédito existente son: de 0 a 499 habitantes: 433,25 euros; de 500 a 999: 689,83 euros; de 1.000 a 2.999: 1.230,50 euros; de 3.000 a 4.999: 1.809,51 euros; de 5.000 a 6.999: 2.247,82 euros; de 7.000 a 10.999: 2.771,21 euros; de 11.000 a 15.999: 3.095,50 euros e para os concellos de máis de 16.000 habitantes a axuda ascenderá a 4.104,84 euros.

PROVINCIAS

Por provincias, son 80 os concellos con Xulgados de Paz na provincia de A Coruña os que recibirán, durante o ano 2005, máis de 178.066 euros en concepto de gastos de funcionamento. A provincia de Lugo, pola súa banda, recibirá máis de 88.783 euros a repartir entre 58 concellos, mentres que as provincias de Ourense e Pontevedra percibirán máis de 105.949 e 107.908 euros respectivamente. Estas últimas contan con 83 e 49 concellos dotados de Xulgados de Paz.

Por tramos, a provincia de a Coruña conta con 18 concellos no terceiro tramo, 17 no cuarto, 22 no quinto, 11 no sexto, 4 no séptimo e 8 no octavo. A provincia de Lugo, pola súa banda, conta cun concello no primeiro dos tramos, 3 no segundo, 27 no terceiro, 21 no cuarto, 3 no quinto e outros 3 no sexto. Na provincia de Ourense son 10 os concellos incluídos no segundo tramo, 61 no terceiro, 8 no cuarto, 3 no quinto e 1 no sexto. A provincia de Pontevedra, pola súa banda, conta cun concello no segundo tramo, 8 no terceiro, 14 no cuarto, 12 no quinto, 4 no sexto, 7 no séptimo e 3 no octavo.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais da Xunta de Galicia