Skip to main content

Medio Ambiente resolve tres novas infraccións graves por maltrato a animais

A Consellería de Medio Ambiente vén de resolver tres novos expedientes, cualificados como graves, ao abeiro da lexislación de protección de animais domésticos. As tres persoas denunciadas e sancionadas deberán pagar algo máis de 3.000 euros por cada caso de maltrato a un can. Nun dos expedientes foi probado que o propietario maltratou reiteradamente a dous animais, polo que a sanción ascende a 6.000 euros e inclúe o comiso dos animais.

Os feitos, cualificados de infraccións graves segundo o artigo 21.1 da Lei 1/1993 de protección de animais domésticos e salvaxes en catividade, foron denunciados por cidadáns que presenciaron os maltratos. Isto reflicte a importante e crecente conciencia dos cidadáns en materia de protección animal e fai posible detectar este tipo de casos para garantir o cumprimento da lexislación.

Estas sancións poñen de manifesto o importante esforzo que está a realizar o departamento que dirixe Xosé Manuel Barreiro Fernández para garantir o benestar animal e concienciar á poboación da necesidade de coidar o medio ambiente, no que tamén forman parte os animais.

CADELA EN ADOPCIÓN

Un dos últimos casos resoltos polo servizo técnico xurídico da Consellería de Medio Ambiente fai referenza aos feitos producidos en xullo de 2004 na localidade de Aguiño, no concello de Ribeira. Grazas á denuncia dun cidadán puido detectarse un caso de maltrato continuo a dous cans –macho e femia- de raza pastor alemán.

O propietario propináballes golpes en distintas partes do corpo con tubos semiríxidos de plástico, actitude que xustificou como “unha intención de asustalos para que non lle comeran as galiñas”. O axente da zona da Delegación Provincial de Medio Ambiente, acompañado por efectivos do Seprona, procedeu ao comiso dos dous cans despois da denuncia, co fin de garantir o seu benestar ata a resolución do expediente aberto.

A consecuencia dos golpes recibidos o macho faleceu a finais de agosto no Hospital Rof Codina en Lugo, onde fora trasladado para realizarlle un exame exhaustivo da súa dolencia. As análises psicolóxicas que lle foron realizadas aos dous cans reflectiron claros síntomas de ter sido maltratados de xeito reiterado. Os animais presentaban actitudes de terror cando recibían unha caricia ou cando alguén se achegaba a eles dunha maneira algo brusca.

Ao propietario foille imposta finalmente unha multa de 6.000 euros polos maltratos aos dous animais e procedeuse ao comiso definitivo da cadela, que na actualidade permanece ingresada no centro da Asociación Protectora de Animais e Plantas de Santiago de Compostela. Este animal, que evoluciona favorablemente e adoptou xa actitudes máis sociables coa xente, está a disposición de calquera persoa que queira adoptalo definitivamente e ofrecerlle un fogar.

Cómpre lembrar que recentemente a Consellería de Medio Ambiente vén de impoñer a sanción máis elevada por maltrato de animal doméstico a un veciño de Boiro (A Coruña) acusado de apalear e aforcar ao seu can, de raza similar ao pastor alemán. Os feitos probados son constitutivos dunha infracción administrativa moi grave tipificada no artigo 22 da Lei 1/1993, do 13 de abril de protección de animais domésticos e salvaxes en catividade, xa que se trata dun maltrato que provocou a morte. Por isto, Medio Ambiente resolveu sancionar ao propietario do can cunha multa de 6.000 euros, a máis elevada deste tipo fixada ata o de agora.

MALTRATO EN VIGO

En maio de 2004 produciuse no municipio de Vigo un caso de maltrato do que foron testemuñas varias persoas, que denunciaron que o propietario dun can de raza mestiza estaba a zarandealo polo pescozo, a pegarlle patadas e a golpealo contra as barras do balcón. Informados do suceso, personáronse no lugar axentes da Consellería de Medio Ambiente, que procederon á identificación do propietario e á incautación do animal, que foi trasladado a unha protectora. O can faleceu días máis tarde a consecuencia dos golpes recibidos e da falta de coidados do seu propietario.

Segundo relataron os denunciantes, o home propináballe ao can malleiras habitualmente e tíñao recluído no balcón da casa sen ningún tipo de protección contra o mal tempo. Cando se lle preguntou a esta persoa polas razóns do maltrato alegou que o can “era da súa propiedade” e facía con el o que quería. No momento de recoller ao animal verificouse que estaba desnaturado, en estado de abandono e con feridas. Os feitos probados son constitutivos de infracción administrativa grave, polo que se lle impuxo ao denunciado unha sanción de 3.005,06 euros e a retirada do animal.

PASTOR ALEMÁN

Outra sanción foille imposta ao propietario dun can de raza pastor alemán, denunciado por levar ao animal atado ao seu vehículo durante un traxecto de máis de un quilómetro. Esta situación provocoulle ao can importantes feridas nas patas e no corpo. Os feitos producíronse o mes de xullo do pasado ano na estrada local de Herville, no termo municipal de Mos, en Pontevedra.

Segundo relataron os denunciantes, cando se lle reprobou a súa conducta ao dono do can alegou que o animal o desobedecera e que ademais era seu “e facía o que lle daba a gaña”. Para confirmar o caso, a persoa denunciante fixo fotografías nas que se aprecia o estado do animal.

Iniciado o expediente sancionador, o denunciado alegou que atara ao can ao coche para levalo de volta á casa, pero que non tiña intención de lastimalo. Ademais, asegurou que o animal fora logo correctamente atendido por un profesional veterinario. O seguimento realizado pola Consellería de Medio Ambiente constatou que se mellorara a atención ao animal e que o maltrato non se repetira. Aínda así, resolveuse sancionar ao propietario cunha multa de 3.005,06 euros polos feitos acontecidos anteriormente.

SANCIÓNS EN 2004

Durante o pasado ano a Consellería de Medio Ambiente resolveu un total de 17 expedientes de casos de maltrato animal. Un total de sete destes informes iniciaronse a raíz de casos detectados na provincia de Pontevedra e outros seis localizaronse na Coruña. Tanto nas provincias de Lugo como na de Ourense tramitáronse dous expedientes deste tipo.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia