Skip to main content

AVALIA-T realizou no 2004 informes de materias como a fibrose quística, o cancro de mama e ovario ou as hernias discais

A Axencia de Avaliación de Tecnoloxías Sanitarias (Avalia-t), organismo dependente da Consellería de Sanidade, ten por misión que a introdución, difusión e utilización das tecnoloxías sanitarias se realice utilizando criterios de eficacia, efectividade, eficiencia e seguridade amosadas cientificamente, dando apoio á toma de decisións aos diferentes niveis do sistema sanitario, tendo en conta o impacto clínico, económico, organizativo, social, ético e legal das tecnoloxías avaliadas. En definitiva, contribuíndo, a elevar o nivel de saúde da poboación galega.

A Axencia é consciente de que todo o seu traballo diario estea presidido por unha metodoloxía de calidade, velando pola rigorosidade e a transparencia así como pola independencia e autonomía e o afán de servizo ao sistema sanitario galego e aos cidadáns.

ACTIVIDADE 2004

Entre os informes realizados pola Axencia ao longo de 2004 figuran materias como a detección de novos casos na poboación de fibrose quística e da hiperplasia suprarrenal conxénita, o cancro de mama e o de ovario, o tratamento con ondas de choque, as patoloxías do intestino delgado, as hernias discais, o transplante autólogo de condrocitos nas lesións de rodilla, etc. Así mesmo, está a traballar, na actualidade, noutros temas como poden ser a elaboración de guías prácticas clínicas sobre hipotiroidismo conxénito e hernia inguinal, as aplicacións clínicas da mamografía dixital, o tratamento das úlceras crónicas, as modalidades de diálise non peritoneal, etc.

Ademais, de todo o antedito, a Axencia organizou no pasado ano unha Xornada sobre radioterapia de intensidad modulada, que se celebrou en Compostela, e dous cursos de Avaliación de Tecnoloxías Sanitarias Diagnósticas e Terapéuticas, que se celebraron en Burela (Lugo) e Pontevedra. Así mesmo, a Axencia editou diversas publicacións que abordaban, entre outros temas, o cancro colorrectal, a teledermatoloxía, etc.

LIÑAS DE ACTIVIDADE

A Axencia de Avaliación de Tecnoloxías sanitarias de Galicia, que ten os seus orixes no ano 1998, ten, na actualidade, sete liñas de actividade. A primeira delas é a identificación e priorización de temas relevantes de tecnoloxía sanitaria. A segunda, a avaliación e asesoramento de tecnoloxías sanitarias previamente á sua introducción no sistema de saúde. Unha terceira liña de actividade da axencia é a análise de procedementos e patróns de utilización de técnicas na práctica clínica. A cuarta é a promoción do uso apropiado das tecnoloxías. En quinto lugar figura o fomento da cultura avaliativa entre os profesionais sanitarios. En sexto lugar a axencia ten por liña de actividade o impulso da investigación propia e comisionada en avaliación de tecnoloxías. Por último, en sétimo término, a Axencia establece como liña de actividade a colaboración coa formación continuada dos profesionais.

O traballo xerado pola Axencia pode ser de distintos tipos. Así, elabora informes de avaliación que son documentos nos que se analiza una tecnoloxía sanitaria mediante unha revisión sistemática da literatura científica e a análise e síntese da mesma. Ademaís, faise unha contextualización e valoración do seu impacto no sistema sanitario. A Axencia realiza tamén consultas e informes técnicos que son documentos que avalían aspectos concretos dunha tecnoloxía sanitaria.

Destaca tamén entre as funcións deste organismo dependente do departametno que dirixe José Manuel González Álvarez, a elaboración de guías de práctica clínica que son recomendacións que se realizan a partir de revisións sistemáticas, sendo a súa misión a de axuda a tomar decisións referentes aos coidados sanitarios en condicións clínicas específicas.

Cómpre subliñar, así mesmo, outra actividade moi importante da Axencia como son os Usos Titelados. Trátase de mecanismos avaliadores daquelas técnicas ou procedementos sobre os que non se conta con suficiente información acerca da súa eficacia, eficiencia e seguridade, antes da súa incorporación no ámbito de prestacións do sistema sanitario. A tal efecto, lévase a cabo unha experiencia en condicións de uso real nun contexto no que os seus condicionantes están ben documentados, permitindo obter unha información obxectiva e precisa do seu impacto organizativo, clínico, terapéutico, etc. Na actualidade a Axencia Galega lidera o uso titelado do transplante autólogo de condrocitos e ven de colaborar noutros cinco.

COLABORACIÓN CON OUTRAS AXENCIAS

Dado que moitas das novas tecnoloxías e áreas de investigación son comúns, cómpre coordinar as actividades de avaliación de tecnoloxías sanitarias non só a nivel autonómico, senón, tamén, a nivel nacional e internacional.

Así, na actualidade, a Axencia Galega colabora estreitamente con outras axencias españolas para impulsar a creación da Rede de Axencias de Avaliación, integrada polas outras cinco axencias estatais (Andalucía, Cataluña, Pais Vasco, Madrid e o Instituto de Salud Carlos III). Ademais, está en proceso de redacción un proxecto para coordinar a actividade das axencias a nivel europeo. Estas cooperacións permitirán un mellor e máis rápido fluxo de información e facilitará a utilización de metodoloxías comúns de avaliación.

Nun mundo globalizado como o actual cómpre impulsar a incorporación da Axencia galega en redes e grupos de traballo internacionais. Neste senso, é especialmente reseñable a incorporación deste organismo galego á International Network of Agencies for Health Technology Assessment (INAHTA), así como na Health Technology Assesmet International (HTAi).

Por último, Avalia-t considera unha prioridade a axeitada difusión dos seus traballos. Na actualidade o maior vehículo de información cara aos profesionais da Comunidade en materia de avaliación é a páxina web da Axencia (www.sergas.es/avalia-t).
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia