Skip to main content

Feijóo reivindica o papel do Parlamento para debater, acordar e decidir o futuro respectando a lei

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, reivindicou o papel do Parlamento para debater, acordar e decidir o futuro, con medidas e con reformas que se adoptan do único xeito que é posible: con respecto á legalidade.

Durante a presentación de Miguel Santalices como relator do almorzo informativo organizado por Nueva Economía Forum-Tribuna Galicia, Feijóo lembrou que a Cámara é o resultado dos nosos devanceiros, o anhelo das xeracións que sufriron o antiparlamentarismo, incidindo en que o realmente útil para os cidadáns non son as discusións que nunca chegan a ningures, senón aquelas que conflúen en puntos de acordo.

Para logralo, o responsable do Executivo autonómico expresou o seu convencemento de que son necesarios directores que blinden este obxectivo, aseverando que Miguel Santalices é un deles.

Nesta liña, afirmou que a defensa do Parlamento en si mesmo é razón máis importante pola que o seu actual presidente merece ser recoñecido. “Santalices defende o Parlamento e tamén defende os parlamentarios. Faino cando garante o respecto escrupuloso á lexislación vixente e ao regulamento da Cámara e faino cando logra que o Parlamento galego destaque no panorama nacional polo seu traballo”, dixo, recordando que a Cámara galega é a máis eficiente de España, coa maior produción lexislativa e o menor custo.

O presidente da Xunta concluíu resaltando a dilatada experiencia parlamentaria de Miguel Santalices, “un home –dixo- que sempre defenderá, sen ningún tipo de fisura, tanto a nosa Constitución como o noso Estatuto de Autonomía”.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia