Skip to main content

A Consellería de Cultura recuperou con máis de 100.000 euros o paseo marítimo e o entorno da praia de Rodeira

O Paseo Marítimo de Rodeira e o seu entorno veñen de ser recuperados grazas a un investimento da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo de 101.302,58 euros. Esta intervención conseguiu recuperar tanto esta praia do Concello de Cangas, como o río Saíñas e os seus arredores. Todo o área forma parte agora dun espazo integral de lecer, que permite a contemplación da ría e da propia localidade canguesa.

As obras desenvolvidas no lugar tiveron en conta tanto as necesidades ecolóxicas como estéticas e de ocio. Así, por unha banda actuouse na conservación e restauración da marxe litoral do río, e pola outra creáronse zonas de paseo e recreo, ademais de mellorar as que xa existían.

Ao mesmo tempo, a intervención satisfixo un aspecto da demanda social de actividades de esparcimento do Concello de Cangas, pois o remozado paseo marítimo de Rodeira servirá como atractivo turístico non só en época estival, senón durante todo o ano.

RECREO

Os tramos obxecto de obras no paseo litoral da praia foron dous, de 200 e 300 metros de longo, respectivamente. A estes tramos fóronlles engadidos diversos elementos de mobiliario urbano, como bancos, farolas e mesas de pic-nic.

Tamén foron dotados dun carril específico para bicicletas e unha pasarela de madeira para camiñar sobre o areal. Os traballos completáronse coa habilitación dun área de recreo concibida para os máis cativos, cunha extensión de 3.500 metros cadrados, e dotada de diversos xogos.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia