Skip to main content

O PIB galego medrou un terzo máis có europeo no período 1995-2002

A economía galega presentou un crecemento lixeiramente superior ao estimado para España e máis dun terzo superior ao estimado para a Unión Europea no período 1995-2002. Tal e como recolle o informe “Contas económicas. Base 2000. Serie 1995-2002”, elaborado polo Instituto Galego de Estatística (IGE), o PIBpm galego medrou un 60,2% entre 1995 e 2002, fronte ao 59,6% de España, o 42,1% de UE-15, e o 43,9% da UE-25. Ademais, a economía galega xerou 107.641 postos de traballo entre 1995 e 2002, dos cales 100.000 lle corresponderon aos servizos de mercado.

Case a metade do crecemento acumulado do PIB galego dende 1995 debeuse ao sector dos servizos de mercado. A achega deste sector ao crecemento económico no período 1995-2002 foi dun 28,1%. O sector de servizos de mercado representaba o 45,5% do PIB galego en 2002, cun crecemento do 6,5%, taxa superior ás restantes ramas agás á construción, pero inferior ás rexistradas dende 1998. O sector de actividade cuxo PIB tivo un mellor comportamento en 2002 foi a construción, cunha taxa do 10,2%. As ramas de agricultura e pesca rexistraron unha taxa de crecemento en 2002 do -2,6% e unha continua perda de peso no PIB total que pasa do 6,9% en 1995 ao 5% en 2002, aportando conxuntamente o 1,1% ao crecemento do PIB dende 1995.

O EMPREGO

Con respecto á creación de emprego, a economía galega xerou 107.641 postos de traballo durante o período 1995-2002, cun comportamento moi variable segundo as ramas de actividade. O sector de maior crecemento foron os servizos de mercado, que crearon case 17.000 empregos en 2002 e máis de 100.000 en todo o período, de maneira que o seu peso no emprego pasou do 34% en 1995 ao 40% en 2002. Pola contra, a agricultura e a pesca perderon case 15.000 postos de traballo en 2002 e case 77.000 dende 1995.

Por outra parte, a ganancia salarial pasou dos 17.376 euros en 1995 aos 21.975 euros en 2002, e tamén variou segundo as ramas de actividade.

A ganancia media rexistrou un crecemento do 3,3% en 2002, mentres que o sector dos servizos de mercado e a enerxía experimentaron un crecemento da ganancia media superior ao 4% e as ramas da agricultura e a pesca unha ganancia un 5% inferior ao ano anterior.

A DEMANDA

Pola vía da demanda, a formación bruta de capital experimentou un crecemento do 8,9% en 2002 e o gasto en consumo final medrou un 4,7%. Se ben é certo que o sector exterior presentou unha achega negativa ao PIB durante o período analizado (-5,8%), o crecemento total do PIB dende 1995 é consecuencia dunha achega da demanda interna (66%).
Gabinete de Comunicación da Consellería de Economía da Xunta de Galicia