Skip to main content

Barreiro aposta por converter a Galicia en referente na consecución do desenvolvemento sostible

O vicepresidente segundo e conselleiro de Medio Ambiente, Xosé Manuel Barreiro Fernández, apostou na Coruña por converter a Galicia “nun referente na plena consecución do desenvolvemento sostible”. O titular de Medio Ambiente fixo estas afirmacións no marco do seu relatorio O desenvolvemento de Galicia e o medio ambiente, que pronunciou no decurso dun acto organizado polo Rotary Club da Coruña.

Xosé Manuel Barreiro fixo referencia ás iniciativas promovidas polo seu departamento para cumprir cos obxectivos internacionais fixados para acadar un progreso económico e social compatible coa conservación dos recursos naturais. O programa de Axenda 21 Local, o documento Cara unha estratexia para o Desenvolvemento Sostible en Galicia e a recentemente aprobada Estratexia Galega fronte ao Cambio Climático son as principais bazas coas que xoga Galicia para asegurar a calidade de vida da poboación e a preservación do medio ambiente para as futuras xeracións.

“A política medioambiental é un dos grandes cometidos públicos da nosa época”, salientou o titular de Medio Ambiente. Este explicou que o esforzo realizado desde a Xunta de Galicia oriéntase baixo a premisa de que a defensa do medio ambiente “non é só un deber ético cara as novas xeracións, senón tamén un valor económico en si mesmo”.

ESTRATEXIAS DE DESENVOLVEMENTO

O responsable de Medio Ambiente lembrou que para acadar o desenvolvemento sostible é imprescindible traducir as intencións en accións concretas con resultados visibles. Barreiro explicou que coa elaboración da Axenda 21 Local nos municipios galegos permítese orientar os obxectivos e as actuacións encamiñadas á sostibilidade ás necesidades de cada entidade local, co fin de mellorar os resultados.

Tamén falou do documento Cara unha estratexia para o Desenvolvemento Sostible en Galicia, creado como paso previo para a consecución dunha Estratexia Galega de Desenvolvemento Sostible. O informe permite xa na actualidade a integración da variable ambiental en todas as políticas postas en marcha polo Executivo autonómico. Ademais, cómpre salientar a Estratexia Galega fronte ao Cambio Climático, que sitúa a Galicia á vangarda de España na loita contra o cambio climático, xa que se trata dunha das primeiras destas características no país.

A estratexia establece unha serie de actuacións básicas para coñecer o clima e o cambio climático en Galicia; impulsar políticas de redución de emisións de gases de efecto invernadoiro; promover accións a prol dos sumidoiros de absorción de carbono; e dispoñer medidas encamiñadas á minimización dos efectos producidos polo cambio climático.

Estas iniciativas poñen de manifesto de manifesto unha “decidida vontade” do Goberno galego de sumarse nun proceso de dimensión mundial e de contribuír na esfera autonómica, á consecución dun planeta mais habitable.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia