Skip to main content

O Sergas presenta á Mesa Sectorial o decreto que regulará as oposicións e procesos de selección

O Servizo Galego de Saúde (SERGAS) presenta na Mesa Sectorial o borrador de Decreto sobre provisión de prazas de persoal estatutario do Sergas. Este normativa regulará as Oposicións e os procesos de selección que se produzan neste organismo, ademais de posibilitar lexislativamente a mobilidade dos profesionais non sanitarios de cara á función pública. Trala aprobación no Consello da Xunta deste Decreto -que foi pulsado xa cos profesionais, recollendo o seu sentir nesta materia- convocaranse novas Oposicións.

Por outra banda, modifícase a regulamentación de acceso ás xefaturas nesta entidade, tanto sanitarias como non sanitarias. En canto aos profesionais sanitarios, contémplase a creación dunha Comisión de Credenciais e establécense os elementos reguladores para a baremación de méritos na selección das xefaturas; no referente ós profesionais non sanitarios, o Sergas propón un sistema semellante ao que se realiza no ámbito da función pública, e séntanse as bases para o establecemento da promoción profesional.

MOBILIDADE A TRAVÉS DE CONVENIOS

O Sergas propón a celebración de convenios de colaboración con Función Pública, que permitan, baixo o principio de reciprocidade, participar ó persoal non sanitario nos procesos de mobilidade de Función Pública e ao persoal funcionario acceder aos postos de traballo nas institucións sanitarias. Esta posibilidade atopa amparo legal na Lei de Ordenación Sanitaria de Galicia e no Estatuto Marco. Por outra banda, contémplase tamén a consolidación do nivel de complemento de destino, para o persoal non sanitario.

Gabinete de Comunicación do Sergas (Xunta de Galicia)