Skip to main content

A Xunta abre o prazo para solicitar axudas para a prevención e defensa contra os lumes nos montes veciñais en man común

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica a orde de axudas para a prevención e defensa contra os incendios nos montes veciñais en man común galegos. Estas axudas, que se poderán solicitar a partir de mañá e durante os 40 días naturais seguintes, convócaas por segundo ano consecutivo a Consellería de Medio Ambiente para incentivar a colaboración dos titulares destas propiedades forestais na loita contra o lume. O departamento autonómico inviste inicialmente nesta convocatoria 1.200.000 euros.

O obxectivo é minimizar as consecuencias e o impacto negativo do lume sobre o potencial de desenvolvemento e produción dos montes en man común. Deste xeito, Medio Ambiente busca protexer estas importantes propiedades, que supoñen arredor dun tercio da superficie forestal total de Galicia.

As axudas están dirixidas aos titulares de montes veciñais en man común e as súas agrupacións, sempre que a extensión mínima da propiedade para a que as solicitan teña unha extensión mínima de 500 hectáreas. A orde da convocatoria inclúe a posibilidade de beneficiarse de dous tipos de achegas económicas: para obras preventivas e operatividade de cuadrillas -para o que se destina 1.056.000 euros- e para a adquisición de vehículos todoterreo equipados para a prevención e defensa contra os lumes -onde se invisten 144.000 euros.

ACTUACIÓNS PREVENTIVAS

No eido das obras preventivas, a Consellería incentiva a realización de traballos de silvicultura con tractores e cos seus apeiros, xunto coas xornadas de traballo do persoal das cuadrillas de prevención durante un período de entre 3 e 5 meses. Segundo a orde, concederanse tamén axudas á adquisición de ferramentas de prevención e defensa contra incendios, materiais de equipo, motodesbrozadoras, batelumes, vestiario ignífugo e equipamento de seguranza persoal, así como a compra de caixas de primeiros auxilios. Ademais, entre as actividades subvencionadas inclúese o alugamento de vehículos todoterreo de transporte, a operatividade de tractores e a adquisición de tramos de mangueira para tractores con cisterna.

DISTRIBUCIÓN PROVINCIAL

A orde de axudas publicada tamén recolle a distribución territorial dos recursos. Así, nas provincias da Coruña e de Lugo incentivaranse como mínimo 8 cuadrillas e como máximo 13. En Ourense o número de cuadrillas mínimas e máximas sitúase en 8 e 14 e en Pontevedra en 9 e 16. En canto aos vehículos, establécese un mínimo de dous en cada provincia.

O obxectivo da distribución territorial responde á necesidade de que estes medios poidan actuar como complemento do Servizo de Defensa contra Incendios Forestais nos labores de prevención e defensa contra o lume. Trátase de concentrar os esforzos ao tempo que se desenvolve unha acción conxunta en toda a xeografía galega.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia