Skip to main content

O presidente da Xunta anuncia que o Centro Ramón Piñeiro publicará parte do epistolario de Sixto Seco

Manuel Fraga presidiu en Compostela a xuntanza da Comisión Reitora do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades e, a continuación, asistiu á presentación das últimas publicacións promovidas por este centro. No decurso da súa intervención, o titular da Xunta rendeu homenaxe a Agustín Sixto Seco, finado o pasado ano, e que apoiou con entusiasmo a marcha do Ramón Piñeiro. Por iso, tal e como indicou Manuel Fraga, o Centro vai sacar á luz “unha parte significativa do seu epistolario”. Este material, a xuízo do mandatario galego, posúe un “alto interese tanto humano como cultural”. Nesta mesma liña, o presidente da Xunta tamén anunciou que o Goberno galego outorgará proximamente unha distinción a Agustín Sixto Seco.

Na xuntanza da Comisión Reitora, á que acudiron, entre outros, o conselleiro de Educación, Celso Currás, presentouse un informe no que se deu conta dos 17 proxectos de investigación realizados en 2004 no Centro, nos que estiveron a traballar 42 bolseiros. Precisamente, unha das funcións máis relevantes que o Ramón Piñeiro leva a cabo consiste en formar a mozos e mozas como investigadores. Está previsto que, en datas próximas, o Centro situado na Barcia elabore 24 novas publicacións nos terreos da narrativa recuperada, edicións facsimilares, fraseoloxía galega, textos poéticos, terminoloxía, textos medievais galego-portugueses ou recompilación de exemplares de prensa aparecidos na Galicia da diáspora. Así, mesmo o Ramón Piñeiro acollerá, neste ano, o II Encontro de Investigadores de Literatura Infantil e Xuvenil no Marco Ibérico.

ARREDOR DA LINGUA

Tras a reunión da Comisión Reitora, Manuel Fraga presidiu a presentación das seis últimas publicacións promovidas polo Centro, parte das cales xiran arredor da lingua galega. Este é o caso dos Cadernos de fraseoloxía galega, impulsados polo profesor e académico Xesús Ferro Ruibal, que recompilan “un feixe de breves estudos especializados”, segundo salientou o presidente da Xunta. Esta serie de estudos xiran arredor da lingua galega, “o trazo máis significativo e definitorio da nosa identidade como pobo”, tal e como lembrou Manuel Fraga.

A lingua como instrumento esencial da creación literaria aparece rexistrada no CD-ROM Informe de Literatura 2003 que ordena, clasifica e valora as diferentes manifestacións do feito literario cotián galego. O presidente da Xunta eloxiou o labor de Blanca Roig e o seu grupo de traballo na realización deste informe que se ten convertido nun referente para os estudosos e que pode consultarse na rede. O informe ofrece unha panorámica precisa e significativa do acontecer anual do libro e a actualidade literaria galega.

Tamén se presentaron cadansúa recompilación de publicacións aparecidas en Montevideo durante os anos 1917 e 1918. En concreto presentáronse os 13 primeiros exemplares da publicación voceira do Centro Galego de Montevideo, denominada Centro Gallego, e unha recompilación dos 63 exemplares do semanario Tierra Gallega, impulsado pola Casa de Galicia da capital uruguaia ao longo dos anos anteriormente citados. Esta revista contou cun notable elenco de colaboradores, así como cun variado material de ilustracións que pretendían difundir a cultura galega en terras do país charrúa.

Por último, o Centro Ramón Piñeiro acolleu a presentación do Caderno Ramón Piñeiro VI: Chronica de Idacio Lémico, investigación realizada por Xoán Bernárdez Vilar, e Caderno Ramón Piñeiro VII: Antón e Ramón Villar Ponte: Unha irmandade alén do sangue, do profesor Emilio Xosé Insua López. O primeiro destes cadernos recolle un texto en latín e a súa tradución de feitos acontecidos no Imperio Romano entre os anos 379 e 469. En concreto, destaca o acontecido na Gallaecia e, por iso, constitúe un documento decisivo que informa do pasado histórico galego ao longo dun século. Por outra banda, no segundo dos cadernos recóllese a actividade desenvolvida polos irmáns Villar Ponte nos anos 20 e 30 do pasado século.

AVANCE NOUTROS PROXECTOS

Non quixo Manuel Fraga rematar a súa intervención no acto sen destacar o avance rexistrado noutros proxectos que está a promover o Ramón Piñeiro desde hai tempo tales como a Bibliografía Lingüística Galega, os Dicionarios e a Bibliografía de Literatura Galega, o Corpus Documentale Latinum Gallaeciae, os traballos de terminoloxía acometidos no proxecto Termigal, o Gran Dicionario de Fraseoloxía Galega, o Etiquetador e Lematizador do Galego actual ou os traballos de literatura galega medieval do proxecto Argame (Arquivo Galicia Medieval).

INTERVENCIÓN DO PRESIDENTE DA XUNTA NA PRESENTACIÓN DE PUBLICACIÓNS DO CENTRO RAMÓN PIÑEIRO PARA A INVESTIGACIÓN EN HUMANIDADES

-“Unha vez máis teño a grata ocasión de estar neste Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades e debo reiterar, con toda sinceridade, a miña íntima satisfacción por coñecer a marcha do Centro, a dinámica do seu traballo e os froitos –que non son poucos- da súa tarefa investigadora. De todo isto veño de recibir información precisa na xuntanza da Comisión Reitora do Centro que teño a honra de presidir”.

-“Entre os integrantes da Comisión Reitora botei de menos ao meu amigo, o doutor Sixto Seco, o benquerido Agustín, que nos deixaba cando remataba o pasado ano e que tanto apoiou a creación deste Centro e tanto celebraba a súa boa marcha. Son sabedor de que, coa xenerosa colaboración da familia, este Centro sacará á luz unha parte significativa do seu epistolario, material que terá un alto interese tanto humano como cultural”.

-“Das publicacións que presentamos merecen ser resaltados os Cadernos de fraseoloxía galega que, levados da man do profesor e académico Xesús Ferro Ruibal, recompilan un feixe de breves estudos especializados. Todos arredor da nosa lingua que é o trazo máis significativo e definitorio da nosa identidade como pobo”.

-“A lingua como instrumento esencial da creación literaria está puntualmente rexistrada no Informe de Literatura 2003 que ordena, clasifica e valora as diferentes manifestacións do feito literario cotián galego”.

-“Na miña recente viaxe a Uruguai tiven a satisfacción de facer entrega aos galegos daquela terra das coidadas edicións de Centro Gallego e Tierra Gallega, revistas do Centro Galego e a Casa de Galicia, respectivamente, que reflicten a vida galega en Montevideo alá pola segunda década do pasado século”.

-“Vexo, en fin, que tamén a figura do benquerido Ramón Piñeiro vive nos Cadernos que levan o seu nome, que é do Centro. Estas dúas novas entregas achégannos ao noso pasado histórico, practicamente ás nosas orixes como país no contexto do Imperio Romano e, doutra banda, salientan a proxección galeguista dos irmáns Villar Ponte, Antón e Ramón”.

-“Sería inxusto omitir o avance noutros proxectos de máis amplitude e que precisan de máis tempo para a súa culminación definitiva, proxectos que o Centro mantén desde hai anos como o da Bibliografía de Lingüística Galega, os Dicionarios e a Bibliografía de Literatura Galega, o Corpus Documentale Latinum Gallaeciae, os traballos de terminoloxía acometidos no proxecto Termigal, o gran Dicionario de Fraseoloxía Galega, o Etiquetador e Lematizador do Galego actual, os traballos de literatura galega medieval do proxecto Argame (Arquivo Galicia Medieval) e outros que non citarei por non facer esta enumeración longa en exceso”.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia