Skip to main content

A USC recibe a biblioteca persoal de Valle-Inclán

Esta cesión foi formalizada nunha presentación pública na Reitoría da USC coa presenza do reitor Juan Viaño e de Javier del Valle-Inclán Alsina, en representación da familia do autor. Tamén estiveron presentes a vicerreitora de Investigación e Innovación, Isabel Rodríguez-Moldes, e a directora da Biblioteca Universitaria, Mª Isabel Casal.

A nova cesión á USC inclúe a biblioteca persoal do escritor, que contén arredor de 5.000 volumes dos que máis de 600 son libros dedicados por outros escritores; o arquivo da familia, con máis de 30 volumes; e o fondo documental de Mercedes Alsina Gómez-Ulla e Carlos del Valle-Inclán Blanco que integran unha colección de tomos encadernados con documentación de prensa do período 1936-2006, entre as que se atopan novas sobre a biografía do escritor ou sobre as súas estreas e críticas xornalísticas, entre outros. Tamén se atopan un cento de carpetas con fotografías, recortes de prensa e programas de man de diferentes estreas teatrais de obras de Valle-Inclán. Trátase de material de especial relevancia ao dar conta dos intereses intelectuais do autor (historia, filosofía, política, esoterismo ou arte, entre outros) así como das súas preferencias como lector en relación á literatura española, galega e foránea.

O material hoxe formalmente incorporado aos fondos universitarios súmase ao depósito do legado manuscrito orixinal de Valle-Inclán Alsina na Biblioteca en 2009 ou ao fondo bibliográfico Valle-Inclán de edicións (1895-1936), probablemente o máis completo dos existentes hoxe. A incorporación da biblioteca persoal permite á USC dispor do fondo documental e bibliográfico máis importante dos existentes na actualidade “de quen foi alumno desta universidade e hoxe un dos autores que se poden chamar clásicos”, afirmou o reitor Juan Viaño. Como aseverou o reitor, “a USC comprométese, como non podería ser doutro xeito a conservar e difundir este fondo documental Valle-Inclán que contribúe a engrandecer o valor intrínseco da Biblioteca Universitaria e, por extensión, o da propia universidade e que sitúa a USC como referente internacional dos estudos valleinclanianos”.

O reitor agradeceu aos descendentes do escritor “a xenerosidade e confianza na USC para depositar nela o seu patrimonio persoal e familiar” destacando nomeadamente na figura de Javier Valle-Inclán “polo seu eficaz papel de intermediario co equipo técnico formado pola directora da Biblioteca Universitaria, a directora da Cátedra, os responsables de Patrimonio e dos servizos xurídicos da USC”.

Na presentación pública celebrada este martes 22 no Colexio de San Xerome, o reitor Juan Viaño tamén deixou constancia do compromiso parello que leva asociada a cesión, “unha universidade como a nosa, depositaria deste e doutros legados atesourados ao longo do tempo nunha biblioteca considerada unha das máis ricas en patrimonio bibliográfico universitario de España, debe ser consciente de que esa riqueza pertence á sociedade”. Por isto, “a súa xestión, ademais de cumprir unha función de apoio ás tarefas de formación e investigación na Universidade, insírese plenamente na función de servizo á comunidade, garantindo a súa transmisión ás xeracións futuras”.

De xeito inmediato, a USC traballa xa no procesado do fondo para que poida ser coñecido e estudado, o que conleva a revisión de cada exemplar e a súa preparación para a catalogación e a posta a disposición do persoal investigador. Igualmente compre realizar un catálogo cun ordenamento preciso de toda a documentación, tarefa que acometerá o persoal técnico da Biblioteca Universitaria co asesoramento do grupo de investigación Valle-Inclán.
Universidade de Santiago de Compostela