Skip to main content

Barreiro aposta polo uso racional dos recursos hídricos porque a auga non sobra en Galicia

O vicepresidente segundo e conselleiro de Medio Ambiente, Xosé Manuel Barreiro Fernández, compareceu a petición propia no Parlamento galego para explicar o Plan extraordinario contra a seca deseñado polo seu departamento e que suporá un orzamento aproximado de 15 millóns de euros. Na súa intervención, o titular de Medio Ambiente apostou por unha xestión eficiente e un uso racional dos recursos hídricos, xa que “agora máis que nunca a auga non sobra en Galicia”.

Segundo Barreiro, o Plan responde á preocupación do Goberno galego, que leva “tempo traballando na procura de solucións que minimicen os riscos de seca”, tanto no eido do abastecemento como na prevención de lumes forestais. Así, Medio Ambiente restrinxiu os caudais nos encoros e reforzou os medios contra incendios nos primeiros meses do ano. O vicepresidente segundo insistiu na necesidade de “promover unha nova cultura da auga en Galicia que, seguindo as directrices europeas, incorpore, ademais das infraestruturas, criterios de sostibilidade e maior concienciación social”.

OBRAS DE EMERXENCIA

Segundo informou Xosé Manuel Barreiro, o Plan extraordinario contra a seca nace dunha rigorosa análise da situación de abastecemento dos núcleos de poboación de máis de 1.000 habitantes, realizada pola Administración Hidráulica de Galicia. A análise serviu para detectar os posibles problemas derivados das poucas precipitacións rexistradas nos primeiros meses deste ano, nos que se rexistrou un valor de 83,8 litros por metro cadrado fronte aos 301,7 de media dos últimos 30 anos. A partir deste informe, no que se localizaron 19 localidades que poderían verse afectadas, deseñouse un plan de obras de emerxencia para previr deficiencias no subministro urbano de auga.

De acordo con este estudo, Medio Ambiente investirá máis de 3 millóns de euros en accións nos concellos coruñeses de Laracha, Cariño, Cedeira e Porto do Son; no lucense de Sober; nos ourensáns de Beade, Maceda e San Amaro; e nos pontevedreses de Baiona, A Guarda, Salceda de Caselas, Fornelos de Montes, Vilagarcía de Arousa e A Estrada. O vicepresidente segundo anunciou que estas infraestruturas estarán xa en execución no vindeiro mes de abril.

Deste xeito continúase o labor principiado o pasado ano, no que xa se resolveron os problemas de abastecemento en núcleos de poboación, como Ames, Arzúa, Padrón, Outes, Triacastela, Cambados ou Tui. En total, en 2004 licitáronse 46 infraestruturas hidráulicas de abastecemento en toda Galicia que supuxeron un investimento superior aos 14,5 millóns de euros. Segundo anunciou Barreiro neste ano o obxectivo é licitar 60 novas obras de abastecemento, que ascenderán a 33,1 millóns de euros; máis do dobre que o gastado no ano anterior.

RESULTADOS INNEGABLES

Para o titular de Medio Ambiente, estes datos veñen confirmar o “progreso experimentado en Galicia nos anos de goberno de Manuel Fraga, con resultados innegables para a sociedade galega”. O vicepresidente segundo destacou o esforzo inversor da Administración autonómica para garantir a calidade das nosas augas e o benestar da poboación, “ un esforzo especialmente reforzado nos últimos anos, nos que o ritmo de licitación de obras hidráulicas, tanto de abastecemento como de saneamento, se cuadriplicou ata acadar, en 2004, 140 proxectos contratados por un importe de 84,6 millóns de euros”.

A previsión de Medio Ambiente para este 2005 é “superar con creces este volume coa licitación de 157 infraestruturas hidráulicas cun investimento de máis de 110 millóns de euros”. O conselleiro sinalou que este incremento será posible “grazas ao esforzo orzamentario asumido pola Xunta, que incrementou os seus recursos propios en materia hidráulica case un 40 por cento respecto de 2004 para compensar a redución de fondos europeos e a escasa contribución estatal e, aínda así, seguir crecendo”.

BASES PARA O FUTURO

Xosé Manuel Barreiro referiuse tamén á necesidade de prever o escenario futuro ante a diminución das chuvias en Galicia prognosticado en diferentes estudos. Así, Medio Ambiente traballa xa na elaboración dun Plan de Abastecemento integral para a Comunidade galega que estará rematado neste ano. Trátase de afondar na futura demanda de auga cun horizonte de 30 anos para deseñar as liñas de actuación da Administración Hidráulica de Galicia. Neste sentido, o conselleiro referiuse tamén aos estudos que se están a realizar no seu departamento para coñecer as necesidades futuras de abastecemento das principais cidades galegas. Na actualidade trabállase xa na análise da situación na Coruña, Vigo e Pontevedra.

Asemade, o vicepresidente segundo insistiu no relevante papel da cidadanía para promover, entre todos, un uso racional da auga como “prezado ben natural”. Para Barreiro, cómpre un “debate serio e profundo relativo á xestión máis eficiente dos recursos dispoñibles centrado nas estratexias de xestión e de aforro como alternativas de futuro”. O conselleiro referiuse tamén á necesidade de potenciar a implicación dos concellos “tamén chamados a participar da nova cultura da auga promovida pola Unión Europea”. Neste sentido, sinalou a planificación das Axendas 21 Locais como “boas oportunidades para plasmar a vontade política municipal de acometer medidas a prol duna xestión eficiente do abastecemento”. Medio Ambiente traballa tamén nun proxecto de incorporación da xestión ambiental ao fogar para potenciar o aforro dos recursos naturais.

PREVENCIÓN DE INCENDIOS

O Plan extraordinario contra a seca recolle tamén medidas de prevención e defensa contra incendios forestais. Medio Ambiente potenciará en especial as accións preventivas, con máis insistencia nas zonas de especial risco. No obxectivo de reforzar a prevención inclúese tamén o reforzo dos incentivos para a colaboración das comunidades de montes veciñais en man común na realización de traballos de silvicultura preventiva. Asemade, crearanse novos puntos de auga en lugares estratéxicos para garantir o abastecemento dos medios de extinción e construiranse dúas novas bases aéreas en Santa Comba e Lalín.
Deste xeito, Medio Ambiente continua coa súa aposta pola prevención como vía máis eficaz para minimizar as consecuencias dos incendios forestais en Galicia. Neste sentido cómpre salientar que a Xunta na súa política de loita contra incendios forestais centra sempre o seu esforzo estratéxico e inversor nas medidas con efecto preventivo, como traballos silvícolas, desbroces ou pistas, entre outros. Prevese tamén a prolongación da contratación do persoal fixo-discontinuo para intensificar tanto os labores de prevención como de extinción.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia