Skip to main content

A Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC ofrece 50 prazas no grao de Paisaxe para o curso 2018-2019

Estruturado en 240 créditos ECTS, distribuídos en 60 créditos de formación básica, 150 de materias obrigatorias, 6 créditos optativos, 6 créditos en prácticas externas obrigatorios e 18 créditos no Traballo Fin de Grao, a titulación o grao en Paisaxe constitúe un título universitario orientado a crear competencias específicas en paisaxe en consonancia coa normativa vixente, a través da suma das capacidades docentes e investigadoras de dous centros diferentes especializados na enxeñaría agroforestal e na arquitectura, como o son a EPS de Enxeñaría da USC, e a ETSAC da UDC, tal e como se puxo de manifesto este venres na presentación deste novo grao universitario celebrada na sede universitaria luguesa, no marco dun acto no que participaron responsables académicos das dúas institucións universitarias, os conselleiros de Educación, Cultura e Ordenación Universitaria e Medio Ambiente e Ordenación do Territorio da Xunta de Galicia, a alcaldesa do Concello de Lugo, Lara Méndez; a vicerreitora de Organización Académica da USC, Celia Besteiro, ademais de representantes políticos da Deputación Provincial de Lugo, docentes, investigadores e outros membros da comunidade universitaria.

O grao de Paisaxe, unha titulación coordinada na USC pola profesora Isabel Iglesias, ven cubrir unha carencia formativa existente en España en relación co resto de Europa. De feito, na maioría dos países desenvolvidos, para a posta en marcha e elaboración dos instrumentos previstos na normativa europea, nacional e autonómica, as administracións públicas e as empresas precisan de profesionais altamente cualificados cunha formación multidisciplinar no ámbito da planificación, deseño e xestión da paisaxe, nos ambientes urbano, rural, forestal e do medio natural.

A formación articulada no grao en Paisaxe integra materias e disciplinas moi diversas: bioloxía, economía, expresión gráfica, xeografía, xeoloxía, informática, matemática e estatística aplicada, composición, proxectos e urbanismo, xeomática e topografía, arquitectura, medio ambiente, botánica, edafoloxía, tratamento vexetal, arte, historia, ecoloxía, análise do medio, hidroloxía, construción e instalacións, estruturas e socioloxía. Un amplo compendio de disciplinas formativas, nas que cómpre salientar a importancia das 6 materias de talleres de aplicación transversal dos coñecementos.

A amplitude e o carácter heteroxéneo e transversal da formación organizada neste título universitario, os cometidos profesionais dos futuros graduados e graduadas en Paisaxe tamén se antollan múltiples. De feito, entre as súas funcións estarán as de crear, manter, protexer e mellorar os lugares coa finalidade de que sexan funcionais, belos e sostibles.

Así, entre os ámbitos de exercicio profesional para os que capacita o grao en Enxeñaría da Paisaxe figuran o deseño, restauración, xestión, mantemento e administración de espazos abertos privados e públicos, o desenvolvemento e aplicación de estratexias e procesos de deseño, xestión e planeamento paisaxístico a todas as escalas do territorio, a restauración de espazos alterados coa aplicación das oportunas medidas de corrección ambiental, a avaliación de impacto ambiental, os estudos sobre clima, solo, flora, fauna, augas superficiais ou soterradas, os estudos económicos e calendarios de obras de proxectos de paisaxe. O asesoramento e consultoría, a investigación e redacción de informes técnicos, a realización de estudos de viabilidade e avaliación de lugar e contexto, a coordinación e desenvolvemento de procesos de participación comunitaria, así como procesos de consultas con os axentes interesados; a elaboración de documentos gráficos e visualizacións en 3D para ilustrar plans e propostas; a selección de especies vexetais e materiais apropiadas nun contexto dado ou a realización de orzamentos e planificación de gastos durante a execución de obras de paisaxe son ou, cando menos, poden ser competencia dos futuros graduados en Enxeñaría da Paisaxe.

Un concorrido acto de presentación

A vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo, Montserrat Valcárcel Armesto, presidiu este venres, no salón de actos da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC, a presentación do grao en Enxeñaría da Paisaxe, no marco dun concorrido acto no que tamén interviñeron a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato; o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez; o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde; os directores da EPS de Enxeñaría da USC e da ETSA da UDC, Tomás Cuesta e Fernando Agrasar, respectivamente, e as coordinadoras académicas deste novo título de grao na USC e na UDC, as profesoras Isabel Iglesias Díaz e Cristina García Fontán, respectivamente.
Gabinete de comunicación da USC