Skip to main content

Manuel Fraga reitera que é absolutamente obvio que a cooperación entre o Goberno central e a Xunta durante o Prestige foi excepcional

O presidente da Xunta, Manuel Fraga, reiterou, na Cámara galega, que a cooperación existente entre o Goberno da Xunta e o Goberno central tras a situación creada polo afundimento do petroleiro Prestige fronte ás costas galegas “foi excepcional”. O máximo mandatario galego salientou que, “é absolutamente obvio” que, superados os momentos iniciais, “a cooperación foi excepcional” entre ambas as dúas administracións. “Xa quixeramos que seguira sendo a mesma”, engadiu referíndose á situación actual.

Na mesma liña, e en resposta á pregunta parlamentaria formulada polo portavoz do Bloque Nacionalista Galego, Manuel Fraga volveu afirmar que Aznar “foi o mellor gobernante que tivo España desde a transición”, “para honra deste partido e quen o propuxo no seu momento que fun eu”, engadiu.

COMISIÓNS DE INVESTIGACIÓN

Así mesmo, o presidente da Xunta, como “especialista en dereito parlamentario”, asegura que “todos os parlamentos do mundo” teñen suspendido as comisións de investigación porque se usan, dixo, “como un pim pam pum, para tirarlle pedras ao contrario en nome da verdade”. Neste sentido, e en referencia á Comisión de Investigación do Prestige creada no Parlamento galego, dixo que “funciona, como é natural, coa súa maioría”, pero non opoñéndose, “como outras comisións –dixo en referencia á do 11-M- a que falte algunha declaración importante”.

Manuel Fraga tamén remitiu ao portavoz parlamentario do Bloque Nacionalista Galego a que lea o libro Prestige: a forza dos feitos, “un libro exemplar, obra dirixida polo señor conselleiro de Pesca (...) onde están –dixo- todas as respostas”. “Eu me ateño a elas, unha por unha”, sentenciou.

Finalmente, o titular do Goberno galego lembrou que o Prestige é un tema “que se está querendo quitar de quicio” levándoo mesmo “ata a Semana da Filosofía”, algo que, na súa opinión “é de risa”.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia