Skip to main content

O presidente da Xunta sinala que Galicia é a cuarta comunidade autónoma na que máis crece o número de activos

O presidente da Xunta, Manuel Fraga, compareceu no pleno do Parlamento de Galicia, onde detallou pormenorizadamente as cifras que amosan que na Comunidade Autónoma “as novas contratacións superan aos despidos” ao tempo que indicou que “se eleva a taxa de ocupación en Galicia”, tal e como demostran os últimos datos da Enquisa de Poboación Activa elaborada polo Instituto Nacional de Estatística. O titular do Executivo autonómico respondeu así a unha pregunta parlamentaria formulada polo voceiro do PSdeG-PSOE. Desde 1998, ano en que Galicia asumiu a competencia das políticas activas de emprego, ata finais do ano pasado as cifras de ocupación falan por si mesmas, ata o punto de que, ao longo de 2004, Galicia foi a cuarta Comunidade Autónoma do conxunto de España na que máis se incrementou o número de ocupados e de activos.

Deste xeito, o xefe do Goberno galego sinalou que o número de activos durante 2004 crece en 29.000, cifra que se amplía a 157.700 persoas no período comprendido entre 1998 e 2004. Ao tempo, especificou que o número de ocupados aumentou en 2004 en 37.400 persoas, mentres que a afiliación á Seguridade Social incrementouse, ao longo do ano pasado, en 26.705 persoas, rexistrándose aumentos tanto no réxime xeral como no de autónomos. Se se estende a estatística ao tramo de tempo comprendido entre 1998 e 2004, obtense que o número de afiliacións á Seguridade Social en Galicia creceu en 160.000 persoas, mentres que a taxa de paro descendeu en catro puntos neste período.

GALICIA RECIBE INMIGRANTES

Paralelamente, o titular do Executivo autonómico indicou que na actualidade Galicia é unha terra de recepción de emigrantes e a maior parte dos que abandonan a Comunidade Autónoma fano para desprazarse a outras rexións españolas e non a outros continentes, como se facía antigamente. Deste xeito, indicou que entre 1992 e 2003 chegaron a Galicia preto de 130.000 mozos procedentes de fóra de Galicia, en idade activa.

Así mesmo, durante a súa resposta a Pérez Touriño, Manuel Fraga referiuse a datos do Ministerio de Traballo que corroboran as súas afirmacións e nos que se detalla que Galicia non se sitúa entre as Comunidades Autónomas como maior taxa de paro e na que se atopan rexións como Andalucía, Estremadura ou Castela e León.

UNESCO

O mandatario autonómico reprochou a Pérez Touriño unha certa “distracción” durante as súas últimas intervencións e afirmou rotundamente que Galicia non está a pedir novas competencias que non tivera demandado con anterioridade, tal e como afirmou recentemente o PSdeG. Finalmente, o presidente da Xunta ironizou ao respecto das últimas declaracións do líder dos socialistas galegos nas que lle ofertaba, en caso de gañar os comicios autonómicos, unha praza como embaixador na UNESCO. O presidente da Xunta lembrou a Touriño que el foi un dos responsables da entrada de España na UNESCO e que non necesita a axuda dos socialistas “para estar alí”. Por último reprochou a Pérez Touriño ter convertido a súa pregunta parlamentaria nunha “sarta de inxurias”.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia