Skip to main content

As adegas Joaquín Rebolledo comercializarán augardente envellecida

O presidente da Xunta, Manuel Fraga, recibiu, no seu despacho da Área de Goberno do Parlamento galego, a unha representación das adegas Joaquín Rebolledo, encabezada pola súa presidenta, quen lle anunciou a Manuel Fraga que van empezar a comercializar augardente envellecida. Na xuntanza tamén participou a vicepresidenta primeira do Parlamento, Inmaculada Rodríguez.

O titular do Goberno galego, que cualificou á adega Joaquín Rebolledo como “unha das mellores adegas de viños da área de Valdeorras e eu creo –dixo-, que de toda Galicia”, acolleu ben esta nova iniciativa, xa que a augardente envellecida é un produto “que –lembrou- eu teño defendido desde hai moito tempo”.

O presidente da Xunta, quen indicou que el xa ten elaborado este produto “para min e para os meus amigos”, congratulouse de que as adegas Joaquín Rebolledo o fagan dunha forma “máis industrial”. Manuel Fraga desexoulle éxito a esta nova iniciativa e considerou que a augardente envellecida “vai ser unha das mellores bebidas, das máis interesantes do mercado europeo, e que vai haber posibilidade de seguir o modelo para outros”. Este novo produto será presentado proximamente en disntintas exposicións.

Por último, o titular do Goberno galego agradeceu a mostra de augardente envellecida coa que foi obsequiado hoxe e felicitou ás adegas Joaquín Rebolledo, “unha das mellores que honran á nosa terra”, sinalou.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia