Skip to main content

Máis de 25.000 galegos contan xa co carné familiar que se ofrece a cada membro dunha familia numerosa

Un total de 24.546 persoas contan en Galicia con carné familiar, segundo datos do 31 de decembro de 2004. Trátase dunha tarxeta que emite a Dirección Xeral de Familia a toda persoa que o solicita, sempre que sexa membro de familia numerosa. Este sistema púxose en marcha en 2002, cando se emitiron 21.156. En 2003 fixéronse 21.721 carnés. Por provincias, a que ten hoxe un maior número é A Coruña, con 9.162; seguida por Pontevedra, 9.031; Ourense, 3.277 e Lugo con 3.076.

Desde a Administración autonómica concédense varios beneficios a este tipo de fogares, distinguíndose entre os de categoría xeral (teñen de 3 a 5 fillos) e a categoría especial (cinco ou máis rapaces). As liñas de axuda destinánse a consumo, transporte, educación, vivenda, servicios sociais, tributos e nutrición.

O carné familiar permite que os membros dunha mesma familia poidan obter descontos nos productos que ofrecen ao redor de 1.800 establecementos comerciais cos que hai acordos en Galicia. Polo que se refire ao transporte, hai reducción nas tarifas de autobuses interurbanos, así como doutros servizos terrestres e marítimos, con descontos dun 20%, 40% ou 50%.

En materia de educación existen reduccións nas taxas de matrícula e expedición de títulos e outras taxas académicas, sendo de entre un 50% á exención total dependendo da modalidade na que esté rexistrada a familia.

Un dos apartados onde se fai un especial esforzo é nos servizos sociais, xa que as familias numerosas teñen preferencia á hora de concorrer a unha praza en residencias, albergues, campamentos e servizos análogos. Tamén poden beneficiarse da bonificación do 20% no ingreso de balnearios, sanatorios e un 30% de reducción no prezo das estadías en residencias de tempo libre. Así mesmo teñen preferencia para o ingreso nas escolas infantís e para recibir axudas económicas destinadas á atención de nenos e nenas de 0 a 3 anos.

Ademais existe unha liña telefónica de atención personalizada para posibles dúbidas. No teléfono 981.95.70.27 recibíronse o pasado ano 4.540 chamadas. Desta cifra, preto dun 70% referíronse a solicitudes de información sobre axudas, recursos ou trámites para facerse con algunha das subvencións da Administración galega e ao redor dun 16% para renovar a tarxeta.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado da Xunta de Galicia