Skip to main content

A Fundación Galicia Europa traballará este ano no Proxecto Berenguela co fin de erradicar as desigualdades de xénero no traballo

O xefe do Executivo autonómico, Manuel Fraga, presidiu en Santiago a xuntanza do Padroado da Fundación Galicia Europa, na que se revisou a xestión do ano pasado e se aprobou o proxecto de actividades para o 2005. Neste encontro anual, tamén estiveron presentes o conselleiro de Innovación, Juan Rodríguez Yuste; o conselleiro de Pesca, Enrique López Veiga; o director da Fundación Galicia Europa, Jesús Gamallo Aller, a directora da Oficina da Fundación en Bruxelas, Ana Ramos Barbosa; e mailos representantes de Caixa Galicia, Caixanova, Banco Pastor, Cámara de Comercio de Santiago e da Zona Franca de Vigo.

Entre as actividades da Fundación programadas para este ano destaca o Proxecto Berenguela. Trátase dunha iniciativa, cofinanciada pola Unión Europea, orientada á superación das situacións de desigualdade e discriminación de xénero no mercado de traballo. Outro dos eixes principais de actuación para este exercicio está centrado na “especial atención” aos mozos cun “ambicioso programa de bolsas” que mellorará a formación e cualificación dos estudantes e profesionais galegos no ámbito europeo, segundo o programa de traballo que hoxe recibiu o visto e prace.

Así mesmo, en 2005 comezarán a desenvolverse cursos sobre xestión e execución de proxectos europeos destinados ao mellor aproveitamento dos recursos comunitarios por parte das corporacións locais e empresas galegas. Estas actividades, promovidas pola Fundación Galicia Europa, levaranse a cabo coa colaboración das Deputacións Provinciais e as Cámaras de Comercio de Galicia.

DIFUSIÓN DA CONSTITUCIÓN EUROPEA

A información sobre o texto do Tratado polo que se Establece unha Constitución para Europa e o seguimento do proceso de ratificación noutros países será outra das grandes prioridades da Fundación durante este ano. Deste xeito, a campaña informativa que se desenvolveu entre o 14 de novembro e o 18 de febreiro continuará a súa andaina. Trátase de manter esta labor informativa e divulgativa entre os cidadáns galegos, dada a relevancia deste proceso para tódalas rexións europeas.

Todas estas actuacións enmárcanse dentro do Programa Plurianual 2000-2005, aprobado hai catro anos polo Padroado, e que tamén establece como “prioridade” atender a todas aquelas políticas comunitarias de especial importancia para Galicia. Por exemplo, as relativas ás áreas de Pesca, Agricultura, Medio Ambiente, Emprego e Asuntos Sociais; Transportes, I+D e Estratexia de Lisboa. Neste contexto, tamén están merecendo unha “especial atención” as Perspectivas Financeiras 2007-2013 e a Política de Cohesión Social, en pleno proceso negociador.

Paralelamente, a Fundación Galicia Europa continuará coas súas iniciativas habituais nos eidos da formación, da información e publicacións; a prol da xuventude e da inserción das novas tecnoloxías na sociedade galega, e coas conferencias e encontros do Foro Galicia Europa, así como coa Promoción de Galicia en Bruxelas.

BALANCE DE 2004

Ademais dos proxectos e os orzamentos para o presente exercicio, os membros do Padroado da Fundación realizaron esta tarde un seguimento das actividades e a liquidación das contas correspondentes ao 2004. Na xuntanza analizouse tamén a incidencia da campaña informativa sobre a Constitución Europea, os acordos acadados entre a Administración xeral do Estado e as Comunidades Autónomas sobre a participación directa destas no Consello de Ministros da UE, o Programa Participa –orientado a fomentar a participación xuvenil na vida política- e a nova páxina web da Fundación Galicia Europa.

INCREMENTO DO 1,5%

No capítulo económico, revisouse tamén o proxecto de orzamentos para 2005. A Fundación contará este ano con 1.276.987 euros, o que supón un incremento do 1,5% respecto ás asignacións do ano pasado. Os orzamentos de 2004 contaron cun montante total de 1.258.695,26 euros. Neste eido, e debido á prudencia na xestión, cabe destacar o equilibrio co que se pecha o exercicio pasado, contando incluso cun superávit de 11.726,45 euros.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia