Skip to main content

O número de mulleres ocupadas en Galicia medrou un 5'8% en 2004, máis dun punto por riba da media estatal

O número de mulleres ocupadas medrou en Galicia un 5,8% o pasado ano, fronte ao 4,7% de incremento medio estatal. A evolución do emprego feminino foi tamén máis favorable na Comunidade Autónoma que no conxunto do Estado; o paro baixou entre as mulleres galegas un 9,93%, fronte a un descenso medio nacional do 4,48%. Son datos facilitados no Parlamento galego pola conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, Belén Prado, en resposta a unha interpelación presentada polo Grupo Socialista sobre a situación laboral das mulleres galegas.

A evolución da ocupación feminina en Galicia ao longo do 2004 non só foi máis favorable que a media estatal, senon que superou con creces a Comunidades Autónomas coma Cataluña, País Vasco, Aragón, Castilla-La Mancha ou Extremadura, nas que o incremento foi menor, ou mesmo a algunhas onde o emprego feminino chegou a descender, coma no caso de Asturias.

En termos absolutos, a ocupación feminina incrementouse o pasado ano en 26.200 mulleres, acadando a cifra de 474.500 traballadoras e situando a taxa de ocupación no 37,96 %, máis de dous puntos por riba da rexistrada no último trimestre de 2003.

No tocante ao desemprego feminino, o Servizo Galego de Colocación rexistraba o pasado mes de decembro 92.309 inscritas, 4.132 menos que en xaneiro do mesmo ano e 1.435 menos que en decembro de 2003.

Ademais, Galicia ten hoxe en día o maior número de mulleres cotizantes á Seguridade Social da súa historia. Concretamente, o número de afiliacións femininas incrementouse en 16.265 entre decembro de 2003 e decembro de 2004, acandando o récord de 405.291 inscritas nos diferentes réximes.

POLÍTICAS DE EMPREGO

Belén Prado sinalou tamén que a Xunta desenvolve as políticas activas de emprego seguindo as directrices marcadas pola Unión Europea, que inciden no fomento da participación da muller no mercado laboral para situar a taxa de ocupación feminina no 60% en 2010.

Seguindo estas premisas, a consellería de Emprego pon en marcha medidas de discriminación positiva da muller para facilitar a súa incorporación ao mercado laboral, tanto a través da creación do propio posto coma da contratación por conta allea. Así, subvenciónase o inicio da actividade das empresas de economía social constituídas integramente por mulleres e concédense axudas para fomentar o autoemprego feminino no medio rural. Ademais, a consellería desenvolve programas de conciliación da vida familiar e laboral, coma as axudas para o establecemento de garderías en empresas e parques industriais ou as subvencións concedidas a empresas con traballadores que se reincorporan tras baixas por maternidade ou paternidade.

A conselleira sinalou que todas estas medidas fanse a pesar do reparto de fondos para políticas de emprego realizado polo Goberno central que, segundo dixo, discrimina a Galicia en beneficio doutras Comunidades Autónomas.

Por outra banda, Prado lembrou que a Xunta vén reclamando do Goberno central o traspaso de competencias en materia de formación contínua e de inspección laboral que xa se lle reclamaran tamén á anterior Administración estatal, presidida polo Partido Popular. No caso concreto do traspaso da formación contínua, a Xunta presentou en 2002 unha reclamación ante o Tribunal Constitucional. Malia que o organismo xudicial emitiu sentencia favorable á Comunidade Autónoma, segue sen executarse o traspaso de competencias.

Gabinete de Prensa da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais da Xunta de Galicia