Skip to main content

Gamallo asegura que se está a seguir de preto a negociación dos fondos estruturais e ofrece apoio sen demagoxias ao Goberno central

O secretario xeral de Relacións coa Unión Europea e Cooperación Exterior, Jesús Gamallo Aller, asegurou que se están a seguir “moi de preto” as negociacións do futuro dos fondos estruturais e ofreceu o “apoio” da Xunta de Galicia ao Goberno central neste traballo. Neste sentido, indicou que “estamos seguindo moi de preto co Goberno como van as negociacións” e que esta colaboración será efectiva “en todo o que pensemos que pode beneficiar os nosos intereses” e salientou que se fará “sen demagoxia nin cuestións electorais” porque se trata dun “asunto importante” que “nos toca a todos de preto”.

Jesús Gamallo fixo estas declaracións en Santiago, logo de participar na xuntanza ordinaria do Padroado da Fundación Galicia Europa, presidida polo xefe do Executivo autonómico, Manuel Fraga, na que se revisou a xestión do ano pasado e se aprobou o proxecto de actividades para o 2005.

Neste sentido, o secretario xeral de Relacións coa Unión Europea salientou que actualmente as negociacións son “complexas” porque interveñen nelas varias instancias. Así, citou aos ministros de economía e finanzas, aos de asuntos exteriores e ao grupo denominado “amigos da presidencia” encargado de preparar as propostas da presidencia luxemburguesa.

“Nestes momentos, -dixo- non temos moitos elementos para valorar o día a día da negociación”, aínda que engadiu que teñen constancia de “que a presidencia luxemburguesa prima o que se chaman os meaning blogs, vai intentando aproximar posicións por seccións do orzamento sen entrar, de momento, nos grandes asuntos que poden encallar a negociación, que son os asuntos das cifras globais”. A este respecto, engadiu Gamallo, que será probablemente en xuño “cando a presidencia luxemburguesa presente unha caixa de negociación”, e será aí onde se valore a “musculatura do Goberno español para defender os intereses”. “Estas perspectivas financeiras, -aclarou- vanse adoptar por unanimidade, non por maioría cualificada”.

Así mesmo, Gamallo indicou que é interese do Goberno galego que o Consello aprobe baixo a presidencia luxemburguesa “o marco financeiro plurianual entre 2007 e 2013” “porque se isto fose así, os anos que contan para facer as medias que determinan se Galicia vai ser rexión de obxectivo de converxencia ou non son beneficiosas para nós”.

“Nós estamos a seguir moi de preto todo o debate que se está a seguir tanto no seo do Consello como as propostas da Comisión Europea”, enfatizou o secretario xeral de Relacións coa UE. Gamallo engadiu que, “neste momento, a proposta da Comisión Europea verbo deste tema é beneficiosa para nós porque solicita un 1,24% do PIB para orzamento da UE, co que quere dicir que haberá suficiencia de medios para facer fronte á todas as políticas e mesmo para a ampliación”. Tamén indicou que, “desta cantidade, o 0,45 % vai para política de cohesión”, co que se garante que se vai concentrar “o esforzo financeiro nas rexións que máis o necesitan”, achegando beneficios para Galicia.

O “principio de equidade” foi outros dos puntos que sinalou Gamallo como punto de apoio ás xestións españolas dentro da Unión. Na súa opinión, “é clave” que España “non pague máis que outros a factura da cohesión da UE”. Neste eido, salientou que é necesario “buscar solucións para que a equidade triúnfe no novo escenario orzamentario” e lembrou que “probablemente” España “vaia perder os fondos de cohesión porque supera a media do 90% do PIB comunitario” e que, niso, “xogámonos moito todos, incluída Galicia”.

ACTUACIÓNS DA FUNDACIÓN

O secretario xeral de Relacións coa UE manifestou que neste contexto se están a mover as actuacións da Fundación Galicia Europa e lembrou que ao longo deste exercicio “as prioridades” desta entidade van ser a formación, a xuventude e as políticas de xénero. Todas elas, indicou, “teñen que estar na base das actuacións da Fundación”. Paralelamente, informou que tamén en 2005 “imos traballar moito en pesca –no seguimento das instalacións da Axencia Europea de Pesca en Vigo-, en materia de política agrícola, no chamado segundo piar de desenvolvemento rural, e en política social”, como grandes directrices de actuación aprobadas esta tarde polo Padroado da Fundación.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia