Skip to main content

Medio Ambiente investirá 83.000 euros en actividades divulgativas sobre a pesca e a caza en Galicia

A Consellería de Medio Ambiente destinará un total de 83.000 euros para a realización de diversas actividades de promoción e divulgación da práctica piscícola e cinexética na comunidade galega. A iniciativa porase en marcha ao abeiro dos convenios asinados polo vicepresidente segundo e conselleiro de Medio Ambiente, Xosé Manuel Barreiro Fernández, cos presidentes das federacións galegas de caza e pesca, José Manuel Vaamonde González e Pedro Romarís Pereira, respectivamente.

Segundo se establece nos acordos, Medio Ambiente realizará as achegas económicas, que consisten nun total de 40.000 euros para a Federación Galega de Pesca e outros 43.000 euros para a Federación Galega de Caza. Os colectivos serán os encargados de desenvolver a programación divulgativa e formativa.

CONSERVACIÓN DOS RÍOS

A Federación Galega de Pesca desenvolverá 20 cursos de formación de pescadores deportivos (nivel inicial) destinados a alumnos de primaria e secundaria. Con esta iniciativa, que terá unha duración de oito horas, ensinaranse as técnicas de captura de ciprínidos e de salmónidos. Tamén se realizará un curso de guías de pesca (nivel I) dirixido a pescadores federados de recoñecida experiencia, que terá unha duración total de 32 horas.

Outro dos programas formativos é o curso de modos e técnicas para a recuperación e repoboación de canles fluviais deteriorados e de coidado e mantemento de canles de alevinaxe. Esta iniciativa está dirixida a clubes e sociedades de pesca con interese na xestión de coutos intensivos e deportivos de pesca.

Cómpre salientar que, ao abeiro deste convenio, a Federación promoverá entre os concellos a pesca de ciprínidos como un aliciente máis para facer turismo de natureza en Galicia, un curso co que se pretende potenciar os valores naturais e ecolóxicos dentro da oferta turística dos municipios galegos.

SEGURIDADE DA CAZA

A achega da Consellería de Medio Ambiente á Federación Galega de Caza destinarase á elaboración dun mínimo de 48.000 folletos divulgativos sobre a caza en Galicia, que serán distribuídos na comunidade co obxectivo de promover a información e a seguridade na práctica cinexética. Tamén se procederá á actualización dunha páxina web divulgativa sobre a caza na comunidade galega.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia