Skip to main content

O 15 Encontro Galego de Ilustración, unha ollada á gran diversidade da ilustración actual

Preludio con taller e presentación festiva

Mañá, venres 28, a Unitaria (calzada de San Pedro, s/n, 15703 Santiago de Compostela) acolle ás 18:00 un obradoiro de ilustración a cargo de Miguel Gallardo, titulado «Eu non sei debuxar», ao que era necesario inscribirse. O éxito inmediato da súa convocatoria fixo que as prazas estean xa cubertas desde hai días e mesmo haxa unha lista de espera por se se producise algunha baixa. A partir das 21:00, o mesmo lugar será escenario dunha nova sesión da Ilustranoite, formato en que dez ilustradores e ilustradoras de Galicia presentan os seus proxectos de xeito áxil, ameno e moi visual. Nesta ocasión, os protagonistas serán Eva Komorebi, Dani Xove, Maru Astray, Miss Hope, Venditti, Ness, Víctor Boullón, María Lapido, Tomás Guerrero e Nuria Díaz.

Charlas e conferencias

O sábado 29, no Auditorio de Galicia, terá lugar a parte central do Encontro, coas conferencias dos diferentes ilustradores participantes, presentadas pola tamén ilustradora Laura Pato —máis coñecida polo seu pseudónimo Le Petit Patito— como mestra de cerimonias. Pola mañá, entre as 10:45 e as 14:00, sucederanse as charlas da murciana Ana Galvañ (cuxo relatorio versará sobre a realidade cotiá do ilustrador profesional, baixo o título «Polo menos tes traballo») e do asturiano Juan Díaz-Faes (que falará sobre o proceso creativo, co título «San “Quehago” de Compostela»).

Xa pola tarde, a partir das 17:00, será o momento do panel de experiencias «Ilustración e industria téxtil en Galicia», coa participación dos galegos Pilar Marcó, Xurxo G. Penalta e David Pazos. Despois, finalmente, Miguel Gallardo falará, na súa charla «Debuxando para María», da súa experiencia comunicativa como ilustrador coa súa filla con autismo, protagonista das novelas gráficas María y yo e María cumple 20 años.

Esa mesma noite, como final do Encontro, está programada unha festa a partir das 23:00 nun local da cidade vella de Santiago cuxo nome será desvelado na propia xornada do sábado. Trátase dunha Sesión DJ ilustrada, na que o DJ Bluemouse se encargará da música, mentres se proxecta ao público o debuxo en directo dos ilustradores Dani Xove, Manel Cráneo e Alberto Guitián, entre outros.

O Encontro está organizado coa colaboración do Concello de Santiago de Compostela e o apoio económico da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia.

Todas as actividades son de entrada libre e gratuíta. Toda a información os datos sobre os ilustradores participantes poden consultarse na web agpi.es/encontro

A AGPI e o Encontro de Ilustradores

A Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI) agrupa desde o ano 2000 ilustradores e ilustradoras comprometidos na defensa común dos seus dereitos e intereses profesionais. Actualmente AGPI aglutina máis de 120 ilustradores e ilustradoras de distintas xeracións e de todas as áreas da creación visual aplicada. AGPI forma parte da Federación de Asociaciones de Ilustradores Profesionales (FADIP), integrada actualmente polas asociacións de Cataluña, Galicia, Madrid, País Vasco e Valencia. Á súa vez, FADIP é parte do European Illustrators Forum (EIF), que inclúe asociacións de ilustradores de toda Europa.

A AGPI organiza desde 2004 o Encontro Galego de Ilustración, unha cita anual pola que teñen pasado autores do primeira liña e na que se teñen tratado, ademais, temas clave para a profesión, debatidos e analizados por especialistas procedentes de organizacións e ámbitos moi diversos (axencias de ilustración, avogados, entidades de xestión, editoriais, asociacións sectoriais). Catorce anos despois daquel primeiro Encontro, a ilustración está moito máis normalizada na nosa paisaxe cultural. O Encontro busca agora dar un paso adiante como cita pioneira en Galicia para os profesionais e os amantes da ilustración gráfica.
Asociación Galega de Profesionais da Ilustración