Skip to main content

Novo compendio terminolóxico do ámbito do dereito

O secretario xeral de Politica Lingüística, Valentín García, participou, no salón de graos da Facultade de Dereito compostelá, na presentación deste vocabulario, incidindo na súa intervención, na “importancia do traballo terminolóxico para manter actualizada unha lingua e favorecer que os falantes a empreguen nos máis diversos ámbitos, dotándoa deste xeito da vida que só pode dar o uso frecuente e variado e do prestixio que lle confire o ser empregada en campos coma o do dereito, que hoxe nos convoca aquí”.

O secretario xeral estivo acompañado por Gumersindo Feijoo Costa, vicerreitor de Planificación e Proxección Estratéxica da USC; Gumersindo Guinarte Cabada, decano da Facultade de Dereito da mesma universidade, e a profesora Alicia Villalba Sánchez, coautora do glosario xunto con Xusto A. Rodríguez Río.

Máis de 1000 conceptos

Termos esenciais de dereito do traballo e da seguridade social é un glosario trilingüe (galego-español-inglés) que recolle máis de 1000 conceptos dos ámbitos indicados no seu título. Esta publicación completa a colección de vocabularios básicos de dereito elaborados polo Servizo de Normalización Lingüística da USC, na que se incluíron propostas terminolóxicas de dereito constitucional, penal, internacional, civil, administrativo e mercantil.

Colaboración para a normalización lingüística

A elaboración e publicación deste traballo foi froito da colaboración entre a Universidade compostelá e a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura e Turismo, que ten asinado con ela un convenio de colaboración en materia de normalización da Lingua Galega. O dito convenio posibilita tamén a celebración de diversos cursos de formación, o apoio á redacción e defensa en galego de teses, traballos de fin de grao e de fin de mestrado ou o subtitulado de vídeos TED do ámbito da saúde, entre outras accións.
Xunta de Galicia