Skip to main content

Celso Currás anuncia que os alumnos poderán levar calculadora ás probas de acceso á Universidade

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Celso Currás Fernández, anunciou no Parlamento de Galicia que os alumnos de Matemáticas II poderán levar calculadora ás probas de acceso á universidade, que se celebran na comunidade autónoma.

Celso Currás matizou que para chegar a este punto a Xunta mediou entre os responsables da Comisión Interuniversitaria Galega (CIUG) e o grupo de traballo da materia de Matemáticas II coa finalidade de chegar a unha solución, aínda que non é necesario o uso da calculadora nesta materia.

Todo xurdiu cando o grupo de traballo (encargado de coordinar as materias obxecto da proba de acceso así como do modelo de exame que farán os alumnos en xuño e setembro) lle comunica aos profesores de Matemáticas de Bacharelato que os alumnos de Matemáticas II non precisan calculadoras para facer o exame argumentando para elo os cambios efectuados no currículo.

A tenor desta decisión a Asociación Galega do Profesorado de Educación Matemática (AGAPEMA) anuncia o seu rexeitamento a tal medida. Neste intre, inícianse os contactos entre os responsables da CIUG e os de AGAPEMA para intentar aclarar a situación.

A Xunta, neste punto, tivo coñecemento do asunto e mediando entre as partes resolveu que a pesar de que non é necesario o uso da calculadora para esa proba en concreto os alumnos, aínda así, poderán facer uso dela.

O titular de Educación comparecía no hemiciclo para aclarar esta situación a petición dunha pregunta formulada polo grupo parlamentario do BNG.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia