Skip to main content

Meteogalicia impulsará en 2019 un Plan de mellora da calidade do aire na liña marcada pola OMS

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda impulsará o vindeiro ano un Plan de Mellora da Calidade do Aire de Galicia co obxectivo de establecer unhas directrices estratéxicas que contribúan a acadar os obxectivos establecidos pola Organización Mundial da Saúde. Así o avanzou esta mañá a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, durante a súa primeira visita a MeteoGalicia, organismo responsable da observación e predición meteorolóxica na comunidade e que será o encargado de levar adiante este plan.

Desde a súa posta en marcha no ano 2000, tal e como lembrou a conselleira, MeteoGalicia tense consolidado como un referente indispensable na comunidade en materia de meteoroloxía e climatoloxía tanto para os cidadáns como a nivel científico. Neste sentido, subliñou que desde a súa sede central se controla e xestiona toda a rede de observación meteorolóxica de Galicia, composta por 156 estacións de rexistro e a través da cal permiten obter e medir cada dez minutos parámetros como a temperatura, a humidade ou o vento.

A estas estacións de observación súmanse tamén outras instalacións de gran importancia para o funcionamento de MeteoGalicia como son o radar meteorolóxico de Cuntis, que permite detectar posibles meteoros, entre outras cousas; a rede de detección de raios; ou outros sistemas que permiten medir a contaminación lumínica ou a acústica.

Nesta liña, a titular de Medio Ambiente fixo unha mención especial ao traballo desenvolvido por este organismo en materia de calidade do aire, un aspecto que na comunidade se xestiona a través dunha rede de 48 estacións fixas de medida que transmiten datos en tempo real. Precisamente, esta rede de calidade do aire foi a primeira de España en contar cun sistema de xestión certificado para as súas actividades, certificación que segundo indicou a conselleira, vén de ser renovada.

Tras subliñar que Galicia é unha comunidade que ten unha calidade do aire moi boa, Ángeles Vázquez asegurou que a Xunta sigue traballando co fin de mellorar e incorporar as mellores ferramentas e avances técnicos dispoñibles. Con este fin, explicou que a consellería impulsará a través de MeteoGalicia un Plan de Mellora da Calidade do Aire no que xa está traballando e que establecerá unhas directrices estratéxicas orientadas a mellorar os índices actuais e acadar o cumprimento dos obxectivos fixados pola Organización Mundial da Saúde (OMS).

Tamén o próximo ano, Ángeles Vázquez anunciou a intención da Consellería de Medio Ambiente de facilitarlle aos concellos unha ordenanza tipo de protección contra a contaminación acústica que unifique os criterios a empregar. Non será, segundo explicou, un documento vinculante pero daralles aos municipios o apoio que necesitan para actuar neste sentido, ao tempo que servirá para completar o marco xurídico establecido polo decreto do ano 2015 sobre contaminación acústica de Galicia.

Así mesmo, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda vén de adxudicar dous contratos que permitirán mellorar a subministración de información meteorolóxica á poboación a través da páxina web, por un importe total de 48.500 euros. Con estes contratos, indicou, implantarase por un lado unha nova plataforma xeorreferenciada para que a información que se presenta ao cidadán sexa máis vistosa, intuitiva e funcional; e polo outro, transformaranse os datos actuais dos modelos que diariamente se executan en MeteoGalicia en gráficos espaciais ou series temporais, ao presentar os datos históricos destes modelos en forma de mosaico o animación.

Precisamente, no eido da sensibilización e concienciación ambiental aos cidadáns, Ángeles Vázquez referiuse tamén ás visitas que todos os anos se organizan en colaboración con colexios e institutos para achegar aos máis pequenos ao mundo da meteoroloxía. A cifra de escolares que visitan a institución segue unha tendencia ascendente e concretamente para este ano 2018 agárdase que máis de 3.100 nenos e mozos poidan coñecer desde dentro o funcionamento de MeteoGalicia.

Ola de frío

Despois dunha fin de semana marcada pola baixada das temperaturas en toda Galicia, Ángeles Vázquez tamén se referiu á masa de aire fría procedente do Atlántico norte responsable deste cambio e avanzou a previsión para os próximos días.

Así, tras dúas xornadas nas que as máximas que non superaron os 15ºC no litoral e os 10ºC en moitos puntos do interior, a conselleira avanzou que a inestabilidade continuará predominando, pero a situación non será xa tan invernal como a do sábado e o domingo, a neve deixará de ser un problema a partir de mañá e prevese un tempo propio do outono.
MeteoGalicia