Skip to main content

O presidente da Xunta visitou en Pontevedra as instalacións do centro sociosanitario Sisae

O presidente da Xunta de Galicia, Manuel Fraga, visitou en Pontevedra, acompañado polo presidente da Deputación Provincial, Rafael Louzán, as instalacións do Centro Sociosanitario de Día SISAE.

Este centro, que vén de ser inaugurado, naceu baixo o pulo da iniciativa privada para prestar atención médica e social durante as horas do día aos maiores ou persoas con discapacidades que o necesiten. Cada día son máis as familias que debido ás esixencias da vida laboral non poden dedicarse plenamente ao coidado das persoas maiores ou aos enfermos.

Para dar resposta a estas necesidades crecentes, e segundo sinalan os seus impulsores, dende SISAE preténdese axudar ás familias achegándolles tanto atención médica como actividades de carácter social para que ao longo do día estas persoas se sintan rodeadas dun entorno amable. Entre as súas actividades programadas están os obradoiros de memoria e os que permiten mellorar as condicións psicomotrices das persoas maiores ou dos enfermos afectados polo Alzheimer, por diversas enfermidades oncolóxicas ou calquera discapacidade.

INICIATIVA LOCAL DE EMPREGO

Este centro foi recoñecido coa Iniciativa local de emprego. Nel traballan habitualmente un grupo de profesionais do mundo sanitario integrado por un médico, dúas enfermeiras, dous xerocultores, un fisioterapeuta e un traballador social. Están preparados para prestar atención a un total de 40 persoas cada día.

Para este obxectivo, contan cunhas instalacións de 400 m2, dotadas de ximnasio, sala de ergoterapia, sala de lectura, biblioteca, enfermería, sala de estar, salón comedor, unha habitación e dous baños.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia