Skip to main content

O Centro Dramático colabora con Pistacatro para oferecerlles aos profesionais do circo un taller a cargo de Roberto Magro

O encontro terá lugar os días 21 e 22 de novembro na Cidade da Cultura de Galicia. Que significa ser intérprete, autor e investigador teatral en circo ou que implica a escrita específica para esta disciplina son algúns dos aspectos que se abordarán neste obradorio. Para isto contarase coa participación de Magro, actual director do taller de creación na mostra catalá Deltebre Dansa e fundador de Brocante, festival internacional de circo contemporáneo que se celebra desde hai 10 anos en Valcovera (Italia).

Ata 12 persoas (preferentemente con experiencia profesional previa en circo ou estudantes desta disciplina) poderán asistir a este taller, que hoxe remata o seu prazo de inscrición online a través do web de Pistacatro.

D10! continuará a desenvolverse con outras dúas citas no Gaiás: o curso Microbatics, que impartirá o especialista en danza acrobática Winston Reynolds o 24 e o 25 de novembro; e un obradoiro para a captación de públicos nas artes escénicas, da man da mestra en Marketing e Xestión de Comunicación Miren Martín os vindeiros días 26 e 27.

O Salón Teatro de Santiago de Compostela, sede do CDG, clausurará esta iniciativa eminentemente formativa o venres 30 de novembro ás 20,30 h. coa exhibición do espectáculo Futuro animal, da compañía Twisting The Balance, unha obra clasificada no subxénero de circo político, con dirección e dramaturxia de Rolando San Martín e interpretación de Leire Mesa. A espectacularidade do formato escénico que se investiga na peza reside na potencia social, discursiva e poética que o propio circo pon en movemento no imaxinario popular antes de entrar á carpa a ver un espectáculo circense.
Centro Dramático Galego