Skip to main content

A creación literaria galega, representada na 32ª Feira Internacional do Libro de Guadalajara (México)

A literatura galega será protagonista estes días na FIL coa programación de actividades promovida pola Consellería de Cultura e Turismo para impulsar a proxección exterior da cultura galega e para favorecer novas oportunidades comerciais no sector editorial galego.

Os autores e autoras participarán en diversas actividades para dar a coñecer a creatividade literaria galega no espazo internacional, con conferencias, contacontos, presentacións, sinaturas de libros e encontros, tanto no marco da programación cultural promovida pola Xunta de Galicia como nas actividades programadas pola organización da feira.

Para dar a coñecer e promover o sector editorial galego, a Xunta de Galicia tamén dispón na feira dun stand con espazos habilitados para as reunións comerciais e para a información permanente dos visitantes, no que se exhibe unha selección dos títulos máis recentes dalgunhas das principais editoriais galegas.

Proxección do libro galego nas feiras internacionais

A Consellería de Cultura e Turismo, a través da Dirección Xeral de Políticas Culturais, vén apoiando a promoción exterior do sector editorial galego nos principais eventos internacionais vinculados co sector editorial, unha programación desenvolvida en diálogo coa Asociación Galega de Editores e coa Asociación Galega de Profesionais da Ilustración, que foi presentada no Consello Asesor do Libro. Durante este 2018, Galicia participou cun stand propio nas feiras internacionais de Frankfurt e Buenos Aires, ademais de Liber (Barcelona).

Oportunidade comercial

Coa súa participación nas feiras internacionais do libro, os profesionais do sector teñen a oportunidade de estreitar lazos e de favorecer acordos comerciais con editores e distribuidores de numerosos países americanos. Autores, axentes literarios, bibliotecarios, libreiros e máis de 2.000 editoriais de case 50 países participan nesta feira que este ano ten como país convidado a Portugal.
Dirección Xeral de Políticas Culturais