Skip to main content

Publicado o mapa de demanda temperá da plataforma que permitirá á televisión pública autonómica ofrecer contidos dixitais innovadores

Este documento, dispoñible na web da Amtega, é o resultado das consultas preliminares ao mercado dentro do proceso de Compra Pública Innovadora lanzado este ano por ambas entidades. O Mapa recompila as ideas achegadas polas 20 entidades (empresas e agrupacións de empresas) que participaron no proceso. Coa súa publicación anticípase ao mercado o plan de contratación previsto pola Amtega á hora de licitar este proxecto.

O seguinte paso será será a publicación da licitación que está prevista para o primeiro trimestre do ano 2019 por un importe máximo de 1.780.000 euros.

Contidos dixitais interactivos

Con esta iniciativa a televisión pública autonómica contará cunha plataforma que lle permitirá ofrece contidos divulgativos de ámbito científico e tecnolóxico para rapaces en idade escolar.

Empregará técnicas de Big Data e Intelixencia Artificial que permitirán analizar os comportamentos da audiencia e crear experiencias personalizadas.

Ademais, para mellorar a experiencia de usuario incorporaranse as segundas pantallas, así como a creación de contidos específicos baseados nas últimas tendencias tecnolóxicas como a realidade aumentada, realidade virtual, hologramas etc...

Plan DicoMindset

Esta iniciativa enmárcase no Plan de impulso ao sector dos contidos dixitais, DicoMindset, que está a desenvolver a Amtega, en colaboración con distintas entidades do ámbito público (Igape, CRTVG, Agadic, etc.), que se estende tamén aos actores do ámbito privado (Clúster TIC, Clúster Audiovisual, empresas tractoras, etc.). En total, DICO Mindset conta cun investimento de máis de 13 millóns de euros, dos que máis de 1,6 millóns de euros se corresponden con capital privado, no período 2018-2020.
Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia