Skip to main content

Entregados na Cidade da Cultura de Galicia os galardóns do programa 'Xuventude Crea 2018'

A conselleira de Política Social, Fabiola García, puxo en valor o talento e a creatividade da mocidade galega na gala de entrega de premios de Xuventude Crea, que se celebrou esta tarde na Cidade da Cultura de Galicia.

Fabiola García felicitou a todos os participantes polos seus proxectos e instounos a continuar as súas talentosas carreiras artísticas, pois “sodes a demostración de que a creatividade galega ten un gran presente e un brillante futuro”, apuntou. Neste sentido, destacou que o éxito desta iniciativa “é o noso xeito de recordarlle ao mundo que Galicia ten unha canteira de artistas privilexiada”.

Ademais, a conselleira de Política Social ratificou o compromiso do Goberno galego coa mocidade. Un feito que se plasma na posta en marcha de programas como este, pois salientou que apoiar a creatividade “é unha das cousas máis fermosas que pode facer calquera goberno comprometido co futuro do seu país”.

Á edición deste ano presentáronse 257 proxectos individuais ou colectivos autoría de 357 participantes entre os 16 e os 30 anos de idade. Finalmente resultaron premiados 53 traballos, correspondentes a 93 mozos e mozas. Os galardoados nestas especialidades recibiron aos seguintes premios: 3.000 euros para os primeiros gañadores; 1.500 euros para os segundos; e 1.000 euros para os terceiros. Tamén se outorgaron mencións de honra, sen dotación económica.

Xuventude Crea está composto por trece disciplinas: artes plásticas, banda deseñada, cociña, deseño de xoias, fotografía, grafitti, moda, música, poesía, relato breve, skate, teatro e videocreación. Ao respecto, cómpre destacar que este ano, como novidade, incluíuse ao programa a modalidade de skate, recentemente declarado deporte olímpico.
Xuventude Crea 2018