Skip to main content

Educación promove as viaxes pedagóxicas e as estadías formativas en países da UE dos alumnos universitarios

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria destinará máis de 320.000 euros a promover as viaxes culturais de carácter pedagóxico, as estadías en países da Unión Europea para mellorar o coñecemento dos idiomas e a sufragar os estudos dos alumnos universitarios fóra de Galicia; así como para que as universidades organicen congresos, simposios, xornadas e actividades similares que favorezan a proxección universitaria, tanto no ámbito local coma no nacional e internacional.

Con este tipo de accións, a Administración educativa pretende continuar coa política de axudas a organismos e institucións que organicen actividades de proxección universitaria por entender que, no desenvolvemento destas actividades, prodúcese o encontro de recoñecidos e prestixiosos expertos nas cuestións que se tratan. Ademais, o intercambio de ideas e coñecementos que se xera é de utilidade pública, aspecto que cómpre promover.

Así mesmo, favorécese a calidade, a competencia, a igualdade de oportunidades e a excelencia no rendemento académico.

Todos os detalles referidos a estas ordes están relatados no Diario Oficial de Galicia do pasado día 18 de marzo onde, entre outros aspectos, establécese que o prazo para solicitalas está aberto ata o próximo 27 de abril.

AXUDAS PARA ESTUDANTES

A orde sobre as axudas ao estudo e accións de apoio económico aos estudantes universitarios está destinada aos alumnos matriculados neste curso nalgunha das tres universidades galegas ou aqueloutros con residencia familiar en Galicia que cursan os seus estudos nalgunha universidade pública fóra de Galicia por non se ofertar a devandita titulación no SUG (Sistema Universitario de Galicia).

Esta orde en particular conta cunha partida orzamentaria de 227.069 euros, repartidos entre os tres tipos de axuda que contempla. Por exemplo, os universitarios galegos que, por non se ofertar a súa titulación no SUG están matriculados en universidades de fóra contarán cunha contía total de ata 93.303 euros a repartir entre os solicitantes para poder sufragar parte dos gastos derivados da súa estadía fóra da comunidade autónoma galega.

VIAXES FORMATIVAS

Pola súa banda, os universitarios matriculados no SUG poderán acceder a outros dous tipos de axuda. As primeiras están destinadas a sufragar viaxes culturais de carácter pedagóxico e contarán cunha contía total de ata 9.015 euros. Estas achegas teñen como obxectivo impulsar as posibilidades de intercambio cultural e de apertura a outras realidades dos alumnos que, como grupo, conviven durante os seus estudos universitarios.

As segundas están pensadas para o financiamento de viaxes para estadías nalgún estado membro da Unión Europea co obxecto de coñecer a lingua dese país. Deste xeito, con estas axudas, que poderán acadar un total de 124.751 euros, preténdese favorecer a aprendizaxe e o perfeccionamento dun segundo idioma nun país da Unión Europea.

Todas as axudas recollidas na orde relativa aos estudantes refírense, polo tanto, á mobilidade estudantil, a favorecer novas oportunidades de formación e á incentivación do rendemento escolar. Cómpre subliñar que non son incompatibles coas bolsas e axudas ao estudo de carácter xeral, convocadas polo Ministerio de Educación y Ciencia (MEC) pero si con calquera outra destinada ao mesmo fin por algunha das administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

Son compatibles coas axudas do MEC porque, como accións complementarias que son, cobren un ámbito de actuación común coas convocatorias de carácter nacional e un ámbito propio que, nalgúns casos e polas súas propias bases, permiten aumentar a cantidade da axuda que recibe o solicitante por parte do ministerio.

AXUDAS PARA UNIVERSIDADES

Pola súa parte, a orde relativa ás axudas ás universidades galegas para a organización de congresos, simposios, xornadas e actividades similares contarán cunha contía total de 95.851 euros.

Esta convocatoria está destinada aos centros, departamentos, institutos ou órganos individuais ou colexiados que realicen actividades que poidan ser obxecto de axuda na comunidade autónoma galega. Os interesados deberán solicitalas a través da universidade galega á que pertenzan.

MÁIS DUN PROXECTO POR UNIVERSIDADE

As axudas concedidas consideraranse individualmente por proxectos presentados, nunca por universidade solicitante, de tal xeito que cada universidade pode recibir máis dunha axuda segundo o número de proxectos aprobados e subvencionados.

En calquera caso, as actividades que se subvencionen a través desta convocatoria deberán ser realizadas durante o período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 15 de novembro de 2005.

Entre outros documentos, aqueles que estean interesados en solicitar estas bolsas deberán presentar unha memoria explicativa das actividades que se pretenden realizar, indicando o número de asistentes previstos ou que xa participaron, no caso de terse realizado xa a actividade, ámbito territorial e social destas e relación prevista de conferenciantes convidados.

Para a concesión das axudas nomearase unha Comisión de avaliación que estará presidida polo director xeral de Universidades e composta por catro vogais (un por universidade e un en representación do Servizo de Coordinación do Sistema Universitario). Tamén contará cun secretario que será un representante da Dirección Xeral de Universidades, que actuará con voz pero sen voto.

Esta Comisión elaborará a relación de institucións beneficiarias, tendo en conta criterios coma a importancia e interese científico e universitario das actividades propostas no proxecto presentado con especial valoración dos proxectos con continuidade e que contribúan á proxección universitaria, así como o ámbito territorial que abranga o proxecto.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia