Skip to main content

'Arte privada en Ourense', unha mostra única que reúne por primeira vez obras de destacados artistas europeos dos séculos XVI ao XX

Esta exposición amosa obras pictóricas –algunhas das cales se exhiben por primeira vez en público- de importantes figuras do retrato, a paisaxe, o costumismo e a vangarda, como Bassano, Fortuny, Esquivel, Parada Justel, Sorolla, Van Dongen, Forain, Valtat, Castelao, Laxeiro, Dalí, Granell ou Fernández Mazas, e de escultores como Asorey e Benlliure.

O presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, destacou na inauguración da mostra "a relevancia cultural que supón esta exposición, unha das grandes que ten albergado o centro cultural "Marcos Valcárcel", logo das dúas de máis éxito ata o de agora, como foron a de Pop-Art e In tempore Sueborum". Baltar salientou que a mostra está integrada "por obras de Ourense, pertencentes a coleccións privadas de ourensáns, e que por primeira vez ven a luz pública conxuntamente. É a exposición máis ilusionante e un gran agasallo de Nadal para todos os ourensáns e os que nos visiten nestas datas, porque estamos diante dunha das grandes mostras pictóricas e escultóricas da nosa provincia".

O presidente da Deputación agradeceu aos coleccionistas ourensáns a cesión das obras para a exposición e á comisaria da mostra, Ángeles Fernández, "o seu compromiso e o gran traballo para facer realidade este fito cultural, que pon en valor o mellor da nosa arte; Ourense é cultura e este é un excelente exemplo diso", expresou o presidente Baltar.

As dúas salas do centro cultural que ocupa a exposición abranguen pinturas de autores europeos dos séculos XVI ao XX e tamén escultura, "unidas nunha mostra grazas á xenerosidade de coleccionistas ourensáns, que conservan nas súas casas obras fermosas e de gran valor artístico", dixo Ángeles Fernández, quen agradeceu ao presidente Baltar "o entusiasmo co que acolleu este proxecto, convertido hoxe en realidade e no que podemos atopar arte europea, española e ourensá, con artistas como Parada Justel, Fernández Mazas e Silvio Fernández". A exposición, destacou a comisaria, completarase cun catálogo que documentará cada unha das obras con fichas elaboradas por expertos en arte.

Excelencia e singularidade

A historiadora e crítica de arte Mercedes Rozas subliñou "a excelencia e singularidade desta exposición, "unha pequena e gran historia do coleccionismo ourensán, que marca os pasos da sociedade e as tendencias en diferentes épocas". Rozas fixo un repaso cronolóxico e de xéneros estilísticos que se poden ver na mostra, citando entre outros autores a Bassano, "do que se exhiben tres pezas excepcionais, xa que é moi raro que se poida atopar pintura veneciana do século XVI en Galicia". Xunto a estes cadros figura un anónimo barroco con temática de novela pintoresca, e partir de aí a exposición articúlase a través de figuras importantes do retrato, a paisaxe, o costumismo e mesmo a pintura relixiosa e a de vangarda.

Mercedes Rozas dixo que na mostra hai dúas liñas de actuación: "Autores que seguen a tradición, sendo os seus referentes Velázquez, Murillo ou Goya; e outros que dan un paso adiante cara a modernidade, que son os que se implican no impresionismo, no post-impresionismo ou no eclecticismo, artistas que xuntarán as dúas formas de entender a obra de arte".

Na exposición, o visitante pode atopar creacións con nomes de retratistas tan importantes como Fortuny, Sorolla, Sotomayor e Cruz Herrera; paisaxistas como Pérez Villaamil, Ovidio Murguía, Carlos de Haes, LLorens, Cecilio Plá; pintura de xénero e historicista como Parada Justel, coa obra "A morte do anarquista", unha das xoias desta exposición; e unha peza que gañou en 1909 a medalla de ouro na exposición rexional de Santiago: un tríptico de Castelao. Asemade, explica Mercedes Rozas, "exhíbense obras de Elvira Santiso e María Corredoira, artistas que na súa época foron silenciadas".

A mostra remata coas vangardas, artistas que romperon moldes en favor da modernidade absoluta, exhibindo obras de nomes internacionais como Rousseau, Forain, Van Donguen, Louis Valtat, que apostan por dar un paso adiante contundente, rompendo coa tradición; e tamén figuran creacións dos galegos Granell, Fernández Mazas e Laxeiro.
Deputación de Ourense