Skip to main content

A exposición sobre Manuel Rodríguez López, promovida por GaliciaDigital, chega a Valladolid e supera os 16.000 quilómetros percorridos

A mostra forma parte do PROXECTO MANUEL RODRÍGUEZ LÓPEZ, emprendido por GaliciaDigital e a familia do escritor, co apoio do Concello de Paradela, a Xunta de Galicia (Secretaría Xeral de Política Lingüística), a Real Academia Galega, e o Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, como co-patrocinador do proxecto.

Esta exposición itinerante percorreu xa numerosas cidades e localidades galegas, visitou a Casa de Galicia en Madrid, as Universidades de Deusto e Estremadura e os Centros Galegos de Barcelona, Salamanca, León ou Vitoria, e o ano pasado chegou a Portugal, concretamente ao Centro Galego de Lisboa e as Universidades de Braga e Algarve, o que supuxo un fito moi importante no desenvolvemento e expansión deste proxecto.

Está composta por oito paneis dobres, nos que se reflicte a vida e obra do escritor paradelense, considerado o mellor poeta obreiro galego do século XX, que escribiu en Cataluña a maior parte da súa obra, e foi ademais dun grande animador das actividades galegas nesta comunidade, o vínculo perfecto entre Galicia e os galegos emigrantes en Cataluña.

Manuel Rodríguez López é tamén fillo predilecto do Concello de Paradela, e dá nome á Casa Municipal de Cultura e a un Certame Literario do que se está celebrando a XXIV edición.

Máis información: www.manuelrodriguezlopez.org
GaliciaDigital