Skip to main content

O Premio Otero Pedrayo recoñece as traxectorias pioneiras da pedagoga Antía Cal e a escritora Mª Xosé Queizán

Coa música de Xoana, a profesora e especialista en Otero Pedrayo, Carme Fernández Pérez-Sanjulián como mantedora do acto e as intervencións do presidente e a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso e Goretti Sanmartín Rei, a pedagoga Antía Cal e a escritora Mª Xosé Queizán recibiron o Premio Otero Pedrayo 2018 que recoñece as súas traxectorias pioneiras e o papel relevante na cultura galega. Tanto Antía Cal como Mª Xosé Queizán lembraron nas súas intervencións a figura de Otero Pedrayo, a quen as dúas coñeceron, e agradeceron ter sido distinguidas co premio que leva seu nome. Ao acto asistiron ademais, responsábeis das áreas de Cultura das tres deputacións, Xosé Leal de Pontevedra Mª Pilar García de Lugo e Manuel Doval de Ourense, o secretario xeral de Normalización Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García e representantes doutras institucións como a Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega, as Fundacións Otero Pedrayo e Manuel María e boa parte dos membros do xurado.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, destacou que as dúas premiadas "representan un compromiso coa nosa lingua, coa súa historia, coa defensa do seu patrimonio onde a lingua ten un papel protagonista". Agradeceu González Formoso as súas vidas "entregadas á defensa da lingua e a cultura coa que nos vemos comprometidos os que estamos na xestión de administración pública" e desexoulles "moitos anos máis para continuar cun labor que queremos recoñecer e aplaudir con este premio".

Pola súa parte, a vicepresidenta e responsable da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei, lembrou que por vez primeira dúas mulleres gañan o Otero Pedrayo despois de que o pasado ano Marigarita Ledo fora a primeira recoñecida en corenta anos da súa historia. Sinalou Goretti Sanmartín que nesta edición estase a premiar "dúas mulleres pioneiras, referentes no mundo da pedagoxía, da educación, da innovación, da escrita, do feminismo. Todo o mundo nos emocionamos co filme que narra a vida de Antía e todas as mulleres temos en María Xosé Queizán un compromiso cos nosos dereitos e a nosa loita". Destacou, entre os múltiples valores que recoñeceu das premiadas, a relación de Antía Cal con correntes pedagóxicas renovadora como Rosa Sensat que trasladou ao ámbito galego e a condición avanzada dos ensaios feministas de Mª Xosé Queizán, un fito para as reivindicacións dos dereitos das mulleres, que abriron tantos camiños,

As premiadas Antía Cal e Mª Xosé Queizán agradeceron o recoñecemento e lembraron a súa relación persoal con Ramón Otero Pedrayo, o intelectual que dá nome ao premio. Antía Cal evocou o seu consello cando nos anos cincuenta escribiu o libro de arte para nenos e nenas. "Podo considerarme alumna de don Ramón, sen ter o privilexio de esta matriculada nas súas clases", sinalou. O premio, para ela, foi "formar persoas nunha das profesións máis importantes e emocionantes que se poda ter", dixo da súa traxectoria de vintecinco anos no ensino na que tivo como recompensa "poder axudar a facer unha escola diferente, para que os nenos e nenas pensasen por si mesmos e desenvolvesen as súas capacidades". Rematou a súa intervención compartindo o premio con todas as mestras e mestres e desexando "que a educación e as persoas que a ela se dedican reciban o recoñecemento da sociedade e o apoio dos gobernos e as institucións para que sexa garantía de futuro para as nosas nenas e nenos".

Pola súa parte, a escritora Mª Xosé Queizán iniciou tamén a súa intervención referíndose á figura de Otero Pedrayo, a quen tratou e tivo "a sorte de escoitar moitas veces" e do que dixo que "continuamos vendo Galiza cos seus ollos, a través dos seus estudos xeográficos, de percorrer palmo a palmo Galiza foi coñecendo a terra e vendo a paisaxe que para el era unha nova personaxe, consensuada co ser galego, co espírito, como dicía no seu tempo. O espírito de Galiza estaba na terra, na paixase, que para el era un personaxe literario máis".

Despois de destacar o papel de Otero Pedrayo e outros membros da xeración Nós na historia da cultura galega, con especial atención á influencia nun escritor de vangarda como Manuel Antonio, Mª Xosé Queizán agradeceu o premio e referiuse á figura de Antón Beiras -compañeiro de vida de Antía Cal- como a persoa que "inculcou o galeguismo" tanto a ela como a súa compañeira de premio.

A profesora da Universidade da Coruña, especialista en Otero Pedrayo e membro do xurado do premio, Carme Fernández Pérez-Sanxulián foi a mantedora dun acto e encarguse de presentar o perfil das dúas gañadoras destacando o amplo labor desenvolvido ao longo das súas traxectorias e confesou que o público se sentía "como alumnas e alumnos destas dúas grandes profesoras"
Deputación da Coruña