Skip to main content

Alumnos das comarcas de Lugo e Sarria participan nas VII Xornadas de Orientación Universitaria

Os alumnos dos centros educativos de Secundaria das comarcas de Lugo e Sarria participaron nas VII Xornadas Comarcais sobre Estrutura e Acceso ao Sistema Universitario de Galicia.

Un encontro que se vén desenvolvendo ao abeiro do convenio de colaboración que manteñen a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través da Dirección Xeral de Universidades, e máis a Sociedade para o Desenvolvemento Comarcal de Galicia, dependente da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural.

A participación foi de 650 alumnos, cos que xa levarían concorrido a estas xornadas un total de 5.211 alumnos pertencentes ás comarcas de O Baixo Miño, Terra de Soneira e Xallas, Paradanta, O Ribeiro, O Condado, O Morrazo, Tabeirós, O Salnés, Pontevedra, Deza, Noia e Barbanza, O Sar, A Barcala, Caldas, Muros, Fisterra, Ordes, Bergantiños, Betanzos, Eume, Ferrol, Ortega, Meira, A Mariña Occidental, Central e Oriental, Lugo e Sarria. Nesta sétima edición, serán 346 os centros de ensino que se benefician destas sesións, pertencentes ás 53 comarcas de Galicia.

Facilitar o acceso á información e ofrecer todos os datos que poidan aclarar dúbidas ou inseguridades, é o obxectivo primordial deste encontro que contribúe a que o alumnado tome a decisión máis axeitada, no intre de decidirse por que futuro académico vai optar.

No encontro ademais das charlas e coloquios instálanse dúas pantallas de plasma conectadas a un punto de información multimedia dende o que se pode consultar toda a información relativa ao Sistema Universitario de Galicia (SUG), como poden ser as bolsas de estudo, as titulacións ou os campus onde estas se imparten.

CHARLAS E MATERIAIS

As conferencias están impartidas por técnicos da Dirección Xeral de Universidades, da Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais e da Comisión Interuniversitaria de Galicia.

O programa previsto nas conferencias e charlas que se imparten ao longo das xornadas, rematará coa entrega dunha Guía do Estudante en formato CD- ROM, unha guía sobre Formación Profesional e unha publicación que recolle o mapa de titulacións do Sistema Universitario de Galicia.

Con este material complementario preténdese contribuír a mellorar o coñecemento da oferta educativa de Galicia, e facilitarlle ao alumnado as ferramentas de análise necesarias co fin de orientalos na toma de decisión á hora de elixir un ciclo formativo de Grao Superior ou a carreira universitaria na que se queren titular.

A experiencia das seis anteriores edicións, indica a influencia positiva que esta iniciativa ten no alumnado. Son unhas xornadas que, por unha banda, serven como punto de información para os estudantes que se atopan ás portas do seu ingreso na Universidade e, por outra parte, posibilitan a racionalización e equilibrio do Sistema Universitario de Galicia.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia