Skip to main content

A Deputación da Coruña obtén 4,2 millóns de euros da UE para a promoción do emprego feminino no rural da provincia

O proxecto enmárcase na convocatoria 2018 de axudas do Fondo Social Europeo destinadas a entidades locais para a inserción das persoas máis vulnerables. Un total de 126 proxectos de toda España concorreron a esta convocatoria, dos cales 74 foron seleccionados, catro deles na comunidade galega.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o deputado responsable da área de Promoción Económica e Emprego, José Luis García, anunciaron hoxe a posta en marcha desta nova liña do Plan de Emprego Local (PEL) e subliñaron o “respaldo que supón para o PEL poder contar cunha inxección tan importante de fondos europeos”.

“Conseguir este financiamento europeo demostra que estamos no bo camiño e que o PEL é un proxecto sólido e solvente, que xa conseguiu a inserción laboral de 2.500 persoas dende a súa creación e que agardamos seguir incrementando con esta nova liña, especialmente centrada no emprego feminino no eido rural”, afirmou o presidente, Valentín González Formoso.

855 persoas formaranse para obter un emprego

Grazas a este programa, 855 persoas da provincia (das cales 667, un 78%, serán mulleres) realizarán formación e prácticas en empresas de sectores relacionados co mundo rural como atención a persoas maiores, idiomas, agricultura e gandería, forestal, carpintaría, tratamento de residuos, hostalaría, ou turismo e tamén no eido do emprendemento social en economía circular. Segundo a experiencia de programas anteriores, arredor do 50% das persoas que participan nestes itinerarios formativos conseguen atopar un emprego.

Máis do 75% das accións formativas programadas están vinculadas á obtención dun Certificado de Profesionalidade.

Segundo explicou o presidente provincial, desenvolveranse vinte itinerarios, cun total de 49 edicións de actividades formativas de inserción laboral destinadas aos colectivos con maiores dificultades para atopar un emprego. Preto de 23.000 horas de formación que se impartirán nos concellos da provincia e que buscan a mellora da cualificación profesional destas persoas, pero tamén “combatir a perda de poboación do rural coruñés”.

Itinerarios a desenvolver

O proxecto está destinado aos 90 concellos con menos de 50.000 habitantes da provincia e impulsará accións formativas en cuestións que contan cunha crecente demanda laboral, como agricultura e gandeira ecolóxica, elaboración de produtos lácteos, vixilancia e extinción de incendios forestais, apoio a continxencias no medio rural, tratamentos de residuos e reciclaxe, atención sociosanitaria, xestión de chamadas de teleasistencia, dinamización comunitaria ou manexo e mantemento de maquinaria agrícola.

Dinamización do tecido empresarial

O programa PEL- Emprego Sostible no Eido Rural tamén contempla a realización de accións complementarias, que axuden a dinamizar o tecido empresarial e a fomentar o espírito emprendedor na provincia.

Neste sentido, realizaranse encontros experimentais entre os participantes dos itinerarios formativos e as empresas, nos que poderán descubrir de primeira man as distintas tarefas que realizan os profesionais dos eidos nos que se están formando.

Asemade, a Deputación promoverá un congreso sobre innovación social, eventos de captación de talento e distintos foros e actividades que favoreceran o contacto entre os cidadáns da provincia, as empresas e as distintas entidades implicadas no fomento do emprego.
Deputación da Coruña