Skip to main content

O primeiro curso de microbioloxía de acceso aberto en Twitter alcanzou máis de 47 millóns de impresións

Ao longo de sete semanas de outubro e novembro e con clases programadas de antemán, un total de 21 microbiólogos de distintas universidades e centros de investigación localizados en Europa, Estados Unidos e Corea do Sur impartiron conferencias en forma de chíos. En concreto, da Universidade de Santiago participou o profesor da USC Jesús L. Romalde, que falou sobre patoxenicidade e virulencia bacteriana.

En total, 3.041.388 usuarios únicos publicaron no curso e houbo 47.295.396 impresións (veces que os usuarios viron publicacións con #EUROmicroMOOC). Ademais, o número de seguidores da conta de @SEMicrobiologia Twitter aumentou en 1.143 despois das sete semanas. En canto ao seguimento, repartiuse por todo o mundo: o 64,5% de España, o 13,9% do resto de Europa, o 10,2% de América Latina e o 5,7% dos EE. UU. Os datos confirman, segundo un dos organizadores, o profesor da Universidade de Navarra Ignacio López-Goñi, que o curso é unha “valiosa ferramenta” accesible para grandes audiencias “para comunicar a ciencia, facer a ciencia aberta e accesible e aumentar a visibilidade da microbioloxía en todo o mundo”.
Universidade de Santiago de Compostela